Unha outra vez a escenificación dun drama, un meniño asasinado. As televisións, os xornais todos a devorar no cadáver e a ofrecernos un pedaciño da vítima. Un pedaciño de carne inocente que non sabe, non sacia e así e todo atráenos pola vista. Medios de comunicación degradados, degradantes e que nos degradan e luxan.

 

Un non acaba de comprender por que unhas desgrazas ocupan ese espazo nos medios, por que son golosas e outras mortes, outros crimes non. Pode ser polas características antropolóxicas dalgunhas persoas que precisan vivir en público a súa desgraza e, dentro diso, hainas coa capacidade de transmitir emoción, de empatizar. A nai do pobre neno foi protagonista varios días dos medios e creou en torno de si, a través deses medios, unha arañeira emocional que foi atrapando a moita xente que segue esas televisións. 

 

O “pescaíto” do meniño, debuxos de xente, símbolos infantís, manifestacións... É parte dunha estratexia intuitiva da nai para conseguir unha mobilización que presione para liberar ou encontrar o corpo do meniño? Ou simplemente foi o seu modo de vivir unha traxedia persoal? Non o sei. Nada máis me asombra o espectáculo e seguirei sen comprendelo, acepto que hai un tipo de persoas moi distintas de min, ou de nós. E non sei o que é mellor nin peor.

 

Un non acaba de comprender por que unhas desgrazas ocupan ese espazo nos medios, por que son golosas e outras mortes, outros crimes non

 

O que vexo é a moita xente atrapada nesa rede de emocións e morbo e o lixo e a lama que se levanta en torno do asunto. Da muller que disque matou vai aparecendo un perfil monstroso, unha “madrastra” de conto infantil sinistro e literario. Mestúranse os debuxos de peixiños de "Pixar" cos da Bela Durminte de Walt Disney. Do pai non se di, non se sabe. Da nai sabemos que é o centro da historia e que imparte consignas que son aceptadas como de altura moral. Pode ser, pode e xa non sei. Un non sabe nada máis canto ruído e canta miseria humana nos reparten os medios de comunicación do poder. E todo porque esquezamos a realidade que vivimos e vivamos os seus pesadelos.

 

Cando este conto aburra aparecerá outra vítima que alimente ese monstro e comezará de novo o espectáculo.

 



x