Pensaba escribir sobre cousas tristes, cousas novas que xa son vellas, revelladas e fracasadas e vexo agora pasar esas mulleres coas súas bandeiras e xa sei de que escribir.

Hai quen ten sempre no revólver ese disparo, “no me gustan las banderas”, porque no fondo saben que teñen unha súa que @s protexe, mais a min as bandeiras, se non fan mal, parécenme cousa linda. En calquera caso, se esas mulleres que protestan, porque protestan, e que din “non” gustan de levar bandeiras e sáelle da cona ou de onde lle saia levalas paréceme o máis natural.

E van elas soas, ningunha delas está soa neste momento pois está coas compañeiras, mais van elas soamente. E o adverbio soamente non debera significar carencia senón “únicamente” “nada máis ca elas”. Van elas e non van homes no medio. Algún benintencionado entrométese solidario, mais síntese fóra de lugar. Porque o está, é o lugar delas e esa alegría que teñen de vérense rodeadas nada máis que delas demostra que ese é o seu lugar. Esa envexábel alegría das mulleres. E non precisan de nós, os que non somos mulleres.

En véndoas camiñar coas súas bandeiras sinto orgullo por elas, mais elas non precisan do meu orgullo, xa elas fan. Fanme comprender que queren estar soas e seren elas soas e que para moitas cousas entre todos e todas formamos un “nós”, porén elas precisan e queren ser un “nosoutras” dentro dese “nós”. E iso é o que están a facer.

E nosoutros só podemos contemplalas avanzar coas súas bandeiras e sentirnos nun costado e fóra e, así e todo, sentir orgullo delas. Aínda que elas non precisen do noso orgullo e nin sequera de nosoutros. Como non ter envexa delas.