No dos ventres de aluguer vese claro que os fillos non teñen direito nengun, e que tan natural nos parece que nen nos decatamos do abuso e a inxustiza que iso instala na base mesma da vida. Mas o de que os fillos naszan sen direitos e a mercé do que lles queran dar ou quitar é cuestión fundamental, porque significa que todos, mulleres e homes, entramos na vida inferiorizados, como mendigos, servos e escravos dos mais vellos e dos que nos trouxeron ao mundo.

As mulleres reivindicaron o  direito a non seren tratadas como obxetos, carne, mercancía, propriedade dos homes e menores de idade eternas. Pero os fillos seguen sendo fillos-obxeto,propriedade da familia, apéndices sen valor de seu e, a cada paso, vítimas de abuso sexual, económico e psicolóxico.  Tamén carne e mercancía, como se ve na prática dos ventres de aluguer.

Habería que declarar que non son os pais os que teñen direito aos fillos, senon os fillos os que teñen direito aos pais, e aceitar o direito inalienável dos fillos a saberen quen son os pais deles. Roubarlles ese coñecimento é condenalos a non saber unha parte esencial da sua identidade e deixalos menoscabados, abandonados e quebrantados.  Habería tamén que recoñecer o direito dos fillos a estar cós pais deles, cós que os enxendraron, porque, se non, sentirán que foron traídos ao mundo para seren artigo de compra e venda ou obxeto que se dá, e iso marcaráos para sempre como desprotexidos, desprezados e sen valor nengun. Os direitos económicos dos fillos debían ser recoñecidos e resguardardos pola lei. No núcleo familiar formado por pai, nai e fillos, todos debían ter o direito indiscutível ao diñeiro e os bens que haxa, e os fillos a que pasen para eles cando os pais morren. Os fillos todos, mais que herdar algo que os pais e a sociedade decidan o que vai ser, terían que receber o que xa debía ser deles desde que nasceron.

O de que se teña aceitado, mais ou menos, o dos ventres de aluguer e, pior ainda, que até se apresente como xeneroso e altruista, indica o moito que ainda estamos mergullados nun sistema de tiranía familiar que dá poder absoluto aos mais vellos sobre os mais novos, e aos pais e nais sobre os fillos. O mais probável é que eses fillos vendidos ou dados vaian parar a mafias que os usen para cría e venda de órganos, servidume, prostitución, mendicidade e, en definitiva, escravaría. O sentimentalismo da santa maternidade usouse para tapar o feito de que as mulleres foron tratadas como mercancía para traer mais mercancía ao mundo. Dar aos fillos os direitos que sempre debían ter sido deles, e que lles foron roubados para que todos tivésemos que nascer como escravos aos que poder maltratar e dos que poder abusar, asentaría xustiza radical e tería repercusión imensurável.