O de ficar ¨solteirona¨ foi sempre o destino mais temível para unha muller.  Era prova de non ser capaz de conquistar un home, de ser feia, de non ter quen a quixera e, o pior de todo, de non ser muller, porque sen home que refrendase a sua condición feminina, nengunha muller podía selo. Valía mais ter un mal marido que non ter nengún. Casamento e maternidade foron os deveres ineludíveis que o patriarcado asignou ás mulleres, e, para obrigalas a colaborar cun sistema que as inferiorizaba desde que nacían, outorgáballes unha pequena subida de categoría se cumprían como nais e entregaban os fillos ás autoridades.

Para as mulleres sería unha imensa liberación o de se poderen dedicar en corpo e alma, se iso é o que lles chama, a tarefas que non sexan o ¨amor¨ e a maternidade.  Mesmo porque o patriarcado encarcerou ás mulleres e as cerceou, a paixón feminina non se puido desenvolver, e iso amputa as posibilidades da humanidade e a deixa sen forza espiritual, porque o espírito precisa de forza feminina e masculina para funcionar ben.  As mulleres están no patriarcado suxeitas a unha fortísima presión que as leva a cumprir o seu destino ¨amoroso¨ de parella e de nais e, se non queren facelo, teñen que loitar contra a sociedade e contra a desconfianza nelas mesmas que pode xurdir cando se afastan dos camiños que lles foron asignados.  O patriarcado nunca permitiu que houbese mulleres que escapasen da cadea.  Que haxa mulleres que non se submetan ao ¨destino feminino¨ e escollan ser solteironas non só libertaría a todas as mulleres, porque non se sentirían obrigadas a ser parella e a ter fillos, senon que faría moi difícil que o patriarcado seguise funcionando e, con iso, libertaría tamén aos homes. 



x