Estamos afeitos a pensar que os fillos son para os pais e non os pais para os fillos. No sistema autoritario no que vivimos apreséntase sempre o máis infundado e antinatural como se fose natural e xusto. Como, segundo parece, os deuses sons os que envían os fillos, os pais fan abondo con receber e aturar esa carga "que é o que Deus quer", e non teñen que se responsabilizaren. A responsabilidade tócalle á Providencia divina. Os fillos nascen sen direitos e devedores eternos dos pais "que lles deron a vida": mesmo o contrario do que debía ser. Todos, mulleres e homes, nascemos xa como inferiores e, para acadar respeito, teremos que virar "autoridades".

 

Partir do contrario, de que os pais son para os fillos e non os fillos para os pais, cambiaría moitas cousas. Se os pais se responsabilizasen dos fillos, responsabilizaríanse tamén de como está o mundo, en vez de entregárllelo todo ás autoridades.

 

Os fillos debían ter direito a unha educación que lles axude a desenvolver o seu potencial e acadar a independenza, e a poderen traballar e ter unha vida decente. Pero para iso a reprodución sen goberno tería que desaparecer.  Non se deberían traer fillos ao mundo se non vai haber traballo para eles. E nunca vai haber traballo para todos se hai xente de máis nas familias, nas nazóns e no mundo.

 

O sistema quer que siga a reprodución excesiva e irresponsábel. Non quer que as mulleres deixen de ser Nais por riba de todo, para telas así atrapadas e divididas por dentro, e porque o mito da Nai é un dos peares que o manten en pé. Non quer que os pais se responsabilicen dos fillos e admitan que son eles os que os fan e non os deuses que os envían, porque iso botaría abaixo o "respeito" e a obediencia ás autoridades, familiares e das outras, por mal que o fagan. E non quer que os pais se responsabilicen dos dos fillos e exixan que haxa traballo, porque iso traería liberdade e independenza, e o sistema quer submisión, vasalaxe e dependencia eterna.