A mellor demostración de que o réxime franquista seguiu funcionando logo da morte de Franco está no feito de que, case medio século depois, os herdeiros do ditador teñan aínda os bens que roubaran e se atrevan a exixir pago e a presionar para que metan na cadea aos que protestan.

 

Non se pode pasar dunha ditadura a unha democracia se os que mandaron e se aproveitaron seguen asoballando e non devolven o roubado. No caso do pazo de Meirás non debía contar para nada que se probe a adquisición con documentos, pois que de tódolos xeitos habería abuso e obtención fraudulenta. Tratalo como unha adquisición normal é colusión co roubo e a fraude, porque do que non pode haber dúbida é de que un ditador como Franco collía o que se antollaba valéndose do medo, o poder absoluto e a corrupción.  O réxime de Franco reinstaurou a alianza brutal da Igrexa católica e a Coroa que viña desde tempos dos Reis Católicos e a Inquisición, para voltar ao que a Segunda República puxera en perigo: a política corrupta e o mal goberno que levaron ao atraso social, económico e psicolóxico e a ser o riso do mundo. E o mundo inteiro burlaríase agora se coñecese este episodio de Meirás, que é unha ignominia e unha deshonra.

 

Un ditador como Franco collía o que se antollaba valéndose do medo, o poder absoluto e a corrupción

 

Cando na Alemaña terminou o réxime de Hitler desmantelouse o aparato todo, e os que foran nazis tiveron que botar uns tempo presos, dependendo do grau en que colaboraran. O aparato franquista seguiu igual, ou máis forte aínda, disfarzado de democracia. 

 

Os grandes partidos políticos do Estado español terían, con isto do Pazo de Meirás, unha ocasión de demostrar que non queren que siga o réxime de Franco.  E iso aplícase moi en especial aos que se chamaron de esquerda e foron os que máis colaboraron para apontalar a alianza da Igrexa e a Coroa e para que seguise o franquismo disfarzado. 

 

O que sucede co pazo de Meirás é un gravísimo intento de fraude e unha imprudencia por parte dos ladróns.  Hai tamén ofensa a Galiza e ao sentir dos galegos, e iso sábeno os defraudadores e os políticos que os protexen, pero contan sempre con que os galegos estarán divididos entre eles e non saberán protestar con forza e eficacia.  Os de Madrid levan anos e séculos burlándose da Galiza e están afeitos a facelo con impunidade.  Mas pode ser que desta vez se enganen e os galegos non permitan que siga o escárnio.

 

 



x