O que a xente quer é política democrática. O que non quer é politiqueo e que os que se apresentan como políticos prediquen moral hipócrita e patriotismo trampulleiro, e compitan entre eles para ver quen apaña o mando, os cartos e a vida de luxo que tanto cobizan. Se en vez de politiqueiros houbese robotes programados para governar, seguro que a xente os votaba, de aburrida que está de que todo sexa un reparto de poder e diñeiro entre os que andan emperiquitados polas alturas, e de que os pobres e empobrecidos teñan que subvencionar os ricos.

Que a cuestión do aborto sexa tema político en lugar da cuestión do traballo é a mellor indicación de que os politiqueiros o que queren é desviar a atención para que non se fale de política de verdade. Os que, para proibir o aborto, invocan o direito sagrado á vida, terían que recoñecer que a vida non é vida sen traballo. E os das alturas non queren que o haxa porque poder eles repartir o pouco que vaia habendo é o que lles dá poder ilimitado e dominio dictatorial.

Canto ao patriotismo, tería que deixar de verse como direito da patria a ser idolatrada e entenderse como responsabilidade da patria-nai cos fillos. Ao Estado español veulle moi ben o de poder mandar á mocedade sen esperanza de emprego aos países da Unión Europeia, e nen por un instante recoñeceu que iso era librarse dos fillos e expulsalos da casa, e que a patria ten que se responsabilizar dos fillos en lugar de exixirlles amor e sacrificio sen dar nada. Que vai facer o Estado, niso e en moitas outras cousas, cando a Unión Europeia deixe de existir, como deixará algun día non moi lonxano? 

A xente quer bon governo e debate político, que se fale dos problemas con intelixencia, seriedade e intención de resolvelos. Os que fan barullo e andan xogando a quen ten a man máis dura ou máis branda en lugar de facer política, non merecen que a xente  lles pague. Tería que considerarse un grande abuso que o Estado pague co diñeiro dos contribuíntes aos que se disfarzan de políticos para viver na picaresca, argallar e encanfurnar.