A maneira en que se fai a política imita a maneira en que se fai a relixión, e os partidos políticos actúan como se fosen igrexas. Os que falan en nome das relixións invocan aos deuses para obter mando, poder e riqueza, e os políticos invocan crenzas e doutrinas abstratas para mandar, situarse entre os poderosos, ter unha vida de luxo e ostentar superioridade sobre a xente corrente, que é a que ten que aguantar e pagar a barulleira e a fraude. Mas estamos nun momento en que a xente deixou de crer nos políticos e na falsa maneira de facer política, como xa deixara de acreditar no que dicían as igrexas. Iso non ten volta atrás e vaise notar mais cada vez. Polo tanto, este é un bon momento para empezar a facer política de verdade.

É incompatíbel coa democracia, e esmaga a posibilidade de que funcione, o de que os políticos non fagan nada mentras están na oposición e estean agardando a gañar as eleicións ou a que xorda a situación ideal que, según eles, permitiría facer todo ben. A forma política que colle un país non abonda para que funcione ben: a república pode dar un marco máis propicio para a democracia, pero tamén pode valer para que actúen como reis os que se apoderen do mando. Unha república española ou galega ou catalá non vai traer cambio nengún se non se pensaron e foron facendo os cambios que se queren, e nengún país pode ser independente se os seus habitantes non queren ser cada un deles independente e prefiren que llo den todo feito. Se a Segunda República foi tan prometedora e deixou saudade dun futuro posíbel que non chegou a ser porque non o permitiron, non foi por ser unha república sen máis, senón porque, por primeira vez en moitos séculos de mal goberno, quixo acabar con ¨los males de España¨, enfocou todo de outra maneira e atacou a raíz do atraso, que era e segue sendo o de non saber nen querer pensar, porque iso é o que impide a educación na casa e a formación do intelecto en todo o sistema de ensino.

Unha república española ou galega ou catalá non vai traer cambio nengún se non se pensaron e foron facendo os cambios que se queren

 

Para que haxa democracia de verdade a oposición ten que ser tan activa como o goberno ou mais, polo menos en pensamento, análise e crítica, e a crítica non consiste en decir que hai que botar fora aos que gobernan para virar a filloa. A crítica é analizar as cousas para que se vexa por que non se están facendo ben e como se poderían facer de outra maneira. E para iso hai que renunciar a crer nos milagres e nas panaceas e entender que a política, como a vida, ten que ser criativa e non imitativa, que non se pode simplificar, que todo cambia todo o tempo, que os problemas non se solucionan de golpe, e que hai que  pensar con dilixencia e actuar con intelixencia, sen querer decidilo todo para sempre.

A política é un asunto prático, de gobernar ben, e para gobernar ben non fan falta definicións abstractas nen loitas para impor ¨o deus verdadeiro¨ ou a fórmula que solucionará todo. Na Galiza hai que analizar con sinceridade o que non funciona e onde está a raíz do atraso, para logo curalo e sair del. Esa é a grande tarefa política que hai que acometer.