O liberalismo económico apresenta como liberador o que é escravizador, e o liberalismo moral axúdalle a facelo.

A moral, as emocións e os sentimentos son instrumentos que o liberalismo económico sabe usar para convencer e desfacer obstáculos. O mais probábel será que o se apresenta como moi ¨ético¨ con grande propaganda axude ao trunfo do liberalismo económico e quite liberdade a moitos para que algúns a teñan toda.

Ás escondidas dos argumentos morais en contra da píldora anticonceptiva e do que se apresentaba como preocupación pola saúde das mulleres estaban presionando industrias poderosas como a do caucho que non querian perder mercado, e ás ocultas da sustitución dos alimentos auténticos polos artificiais, apresentados como benéficos ainda que fosen maléficos, estaban os grandes negocios da industria alimenticia. E talvez moito do que se apresenta como ¨ética¨ da ¨defensa do planeta¨ valga para disimular que o exceso de poboación é o que mais o estraga. Sábese ben que a terra non pode con tanta carga e que iso leva a que os humanos teñan que viver como formigas e a que tampouco quede sitio para o animais nen as plantas. Sábese tamén que nunca poderá haber traballo para tantos e que iso condena a unha vida sen ilusión nen dignidade, pero é o que convén aos que están alentando a beatería moral do planeta e a preocupación pola disminución da natalidade para que non se vexa que a falta de traballo é o grande instrumento que ten a elite dominante para afincar o medo e actuar sen estorvos.

No mercado ¨libre¨ manéxase a lei da oferta e a demanda de maneira que haxa sobrante de suministro para que os que compran a materia prima non teñan que pagar case nada e aumente o proveito para eles. E iso aplícase ás persoas: canto mais sobrante haxa de persoas, mais poder ¨de compra¨ terán os que dan traballo e mais liberdade terá a elite dominante para deixar sen liberdade aos demais.