O patriarcado decretou, sen base nengunha, que o varón era superior e a muller inferior.   Unha vez decretada esa falsedade, usou argumentos absurdos para apoiala e aprisionou ás mulleres obrigándoas a que vivisen como menores de idade eternas tuteladas polos homes.  O feminismo que naceu a meiados do século pasado nos Estados Unidos, que é do que procede o actual, en moitos sentidos reforzou o sistema, porque, en vez de atacalo, buscou poder político dentro del.  Centrouse en que as mulleres demostrasen que podían facer o mesmo que os varóns e meteu a cuestión no corsé do políticamente correcto.  Por iso foi moi pouco o que conseguiu.  

Vai axudar ás mulleres en xeral o de dar visibilidade á muller?  Ou vai quedar en que algunhas mulleres consigan poder e actúen como os homes? Contribuíu a que as mulleres conseguisen xustiza que unha muller como Thatcher, machista e misóxina, que gostaba de ter arredor homes novos e bonitos e que era das que onde ela estaba non podía haber mais mulleres, fose visíbel e obtivese o poder?  Centrarse en que haxa mulleres "importantes", máis que favorecer ás mulleres, é colaborar có patriarcado, que deu sempre poder a algunhas mulleres da familia e da sociedade para que axudasen a esmagar ás mulleres en xeral e moi en especial ás mulleres novas.

Vai axudar ás mulleres en xeral o de dar visibilidade á muller?  Ou vai quedar en que algunhas mulleres consigan poder e actúen como os homes?

 

A visibilidade non sempre é xusta e o que as mulleres precisan é xustiza. A visibilidade pódese comprar e vender, trocar en especie e obter pola forza.  Os dictadores conseguen grande visibilidade e fan invisíbel a quen se lles opoña.  Os pobres son invisíbeis para os ricos, e os considerados inferiores son invisíbeis para os que se consideran superiores.  A mercadotecnia é a técnica de dar visibilidade mediante promoción.  Pero iso non quer dicer que o que vira mais visibel grazas á campaña de comercialización sexa mellor nen que teña calidade. E  o fundamental para as mulleres é que se recoñeza a sua calidade intrínseca e sustancial e que elas mesmas a recoñezan tamén.

Nestas últimas décadas de trunfo total do "mercado libre" viuse con claridade no campo das letras como funcionaba o da visibilidade: as grandes multinacionais apoderáronse da arte de escribir e destruiron a literatura dándolle visibilidade a obras de venda rápida e fácil e deixando fora ás que valían, e iso faise con poder económico, pagando espacio para os "visíbeis" nas librarías e nos meios de comunicación, e promocionando o "produto". 

Ou o caso de Rosalía, por exemplo: Rosalía ainda non está recoñecida polos galegos como merece, pero é só porque a invisibilizou o sistema por ser muller?  Rosalía foi un xenio, e os xenios adiántanse aos seus tempos e teñen moitas veces que pasar anos e até séculos para que os entendan e lles recoñezan os méritos. Rosalía transmitiu, con imensa valentía, unha visión da Galiza tan profunda e tan alonxada das modas e os sentires superficiais, que aos que querían prestixio e fachenda non lles valía e desprezárona por chorona, folklórica e atrasada. 

Centrarse a cegas na visibilidade das mulleres pode alentar a inxustiza e levar a que se críen elites de mulleres patriarcadas que desprezan ás que non acadan visibilidade.  E pode servir para tapar e disfrazar a misoxinia e o machismo do sistema.  O que hai que facer moi visíbel é a inxustiza a que están submetidas as mulleres e as falsedades en que está baseada a ideia da superioridade do masculino e da inferioridade do feminino que se aprende na familia patriarcal e logo se repite en toda a sociedade.



x