Falarmos do Consello de Galiza é remitírmonos ao exilio nacionalista, após o golpe militar reaccionario e españolista de xullo do 1936. É falarmos, dito doutro xeito, da resistencia patriótica galega fronte o totalitarismo español, capitaneada centralmente por Daniel Rodríguez Castelao, quen se asentaría no 1941, logo dun longo periplo alén mar, na capital da Arxentina.

Falarmos do Consello de Galiza é remitírmonos ao exilio nacionalista, após o golpe militar reaccionario e españolista de xullo do 1936. É falarmos, dito doutro xeito, da resistencia patriótica galega fronte o totalitarismo español, capitaneada centralmente por Daniel Rodríguez Castelao, quen se asentaría no 1941, logo dun longo periplo alén mar, na capital da Arxentina.

Castelao, a Irmandade Galega e Galeuzca no exilio 

<"Galiza, Euskadi e Catalunya procuraban obter con  unha ferramenta efectiva en chave autodeterminista, a partir dun seu común denominador, actuando como unha caixa de resonancia do seu programa e obxectivos". 

Naquela altura na que Castelao fixaba a súa residencia en Bos Aires (cidade na que máis de 200.000 galegas e galegos vivían), as e os nacionalistas galegos, vascos e cataláns exiliados estaban a se resituar, após o trunfo do exército golpista nunha guerra desigual en territorio peninsular. Cumpría relanzar mensaxe, tecendo organizativamente corpo. Nesta orde de cousas, no propio 1941 crearíase a Irmandade Galega (sorte de novo e ampliado Partido Galeguista no exilio) arredor do propio Castelao e Alonso Ríos, relanzándose entre outras iniciativas o pacto que unía a aquelas tres nacións europeas sen Estado, sob a denominación de Galeuzca (creado orixinariamente a partir do ‘Pacto de Compostela’, asinado no 1933). Castelao e a Irmandade Galega sería quen máis se esforzaría por relanzar aquel pacto (como Alexandre Bóveda fixera oito anos atrás). Un proceso, o galeuzcán, que ten investigado e analisado pormenorizadamente o historiador, e bon amigo, Xosé Estévez.

Galiza, Euskadi e Catalunya procuraban obter con Galeuzca unha ferramenta efectiva en chave autodeterminista, a partir dun seu común denominador (nacións integradas nun mesmo Estado que aspiraban á súa plena soberanía), actuando como unha caixa de resonancia do seu programa e obxectivos. 

De Galeuzca ao Consello de Galiza

Chegaban a este encontro no exilio os nacionalistas vascos co seu Euskadiko Batzar Nagusia e os cataláns co Consell Nacional de Catalunya, transformación dos gobernos autóctones que se conformaran en xénese no tempo republicano. Para o caso galego, no que o golpe militar do ’36 dera coa queda do tecido patriótico e democrático nas primeiras semanas (a diferenza do caso vasco e, sobre todo, do catalán; onde a realidade social e política de seu estaba ben madura, soportando o embate golpista durante tres anos), facíase necesario conformar un organismo que puxera en favor o feito nacional galego. Xa que logo, desde a Irmandade Galega desenvolveríase unha dinámica favorábel á creación dun desexado ‘goberno galego’ no exilio. Tendo a Castelao e Alonso Ríos como principais valedores, sería o 15 de novembro do 1944 cando se apresentaría o resultado desta campaña: o Consello de Galiza. Formalmente levantábase acta do acordo da súa creación en Montevideo (naquela altura Arxentina vivía unha tesitura especialmente convulsa, non apta para o devandito acto). 

"Para o caso galego, no que o golpe militar do ’36 dera coa queda do tecido patriótico e democrático nas primeiras semanas, facíase necesario conformar un organismo que puxera en favor o feito nacional galego". 

Castelao, Alonso Ríos, Villaverde e Suárez Picallo

Nese encontro dábanse cita o propio Castelao e Alonso Ríos, así como Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo. Os catro, deputados galegos eleitos das Cortes republicanas. Asentaban a súa iniciativa sobre este feito e o proceso soberanista galego previo desde 1873 (I República española), comprometéndose a seguir defendendo o dereito de ‘autodetermiñación’ (sic) para o pobo galego ‘que representan’ (sic). Castelao asumiría a presidencia do Consello de Galiza e Alonso Ríos a secretaría.
Apresentaríanse os catro fundadores e primeiros asinantes do organismo como “...os únicos deputados galegos que viven refuxiados en Sud-América...” unidos “... por espontánea decisión (...), acordan[dando] xuntarse nun soio corpo de direición política para gardar, manter e defender a derradeira vontade de Galiza, antramentras dure esta etapa de asoballamento, na que o povo se ve privado de toda eispresión democrática...”. Xa que logo, o resultado do plebiscto do 28 de xuño do 1936 en favor das ‘liberdades galegas’ -no que máis do 90% das e dos galegos que efectivizaron o seu voto faríano a favor do articulado estatutario, según acta oficial-, sería o maior aval daquel orgao.

O Consello de Galiza gozaría da simpatía e favor militante de boa parte do tecido societario galego alén mar, así como de figuras acaudaladas, caso do empresario nacionalista  Manuel Puente. De feito, no casal deste desenvolveríanse boa parte das reunións do propio organismo. O Consello de Galiza ampliaría a súa plana de membros, integrándose o deputado coruñés Alfredo Somoza ou o ferrolán Edmundo Lorenzo, procurando ter ‘delegacións’ por toda América e Europea. A morte de Castelao en xaneiro do 1950 sería un duro golpe para o Consello, así como para o nacionalismo galego en xeral. Aínda así, baixo o liderado de Antón Alonso Ríos, durante a década dos cincuenta e a dos anos sesenta aquela institución galega tería un axir de alcance, asumindo evidente brío a delegación de Franza, representada nun inicio por César Alvajar Diéguez e trás a súa morte no 1965 polo seu fillo Javier Alvajar López. Naquel (longo) exilio o epicentro cambiara de América do Sul a Europa, polo que era natural que esta delegación tomara especial protagonismo. 

"Sería desde a matriz bonaerense do Consello de Galiza que se dera o relanzamento do nacionalismo galego, politicamente organizado, na clandestinidade franquista aquén Terra"

Do Consello de Galiza ao Consello da Mocidade (e un novo tempo na Terra).

Con todo, sería desde a matriz bonaerense do Consello de Galiza que se dera o relanzamento do nacionalismo galego, politicamente organizado, na clandestinidade franquista aquén Terra. Da man deste organismo crearíase no ano 1963 o Consello da Mocidade, coa figura de Antón Moreda á frente. Reunión dunha nova xerazón de mozas e mozos nacionalistas que ensoñarían unha outra realidade, unha Terra soberana. Aquela expresión patriótica e xuvenil galega sería observada con extraordinaria ilusión polos vellos galeguistas expatriados, que depositaran todas as súas esperanzas nela. E aínda o Consello de Galiza seguiría neses anos, até finais da década, acompañando (dando cobertura e lexitimidade histórica) a ese proceso de construción nacional galego... Setenta anos despois da creación daquel organismo, sirvan estas liñas para lembrar o compromiso e esforzo daqueles que, desde o exilio de alén mar, nunca renunciaron á Patria nen a súa autodeterminación.



x