Pasou algo máis dunha semana desde que celebramos diversos actos arredor do Día da Galiza Mártir.


Pasou algo máis dunha semana desde que celebramos diversos actos arredor do Día da Galiza Mártir. Data que conmemora o asasinato na Caeira de Alexandre Bóveda o 17 de agosto do 1936, secretario de organización do Partido Galeguista naquela altura. Data que simboliza a Galiza vizosa varrida polo fascismo español no final do primeiro terzo do pasado século; a Galiza de María Miramontes, a de Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Elvira Bao, Xohán López Durá, Benigno Álvarez, Xaquina Trillo, José Villaverde, Víctor Casas, Amparo López Jean… a Galiza plural, de sensibilidades diversas, mais con consciencia nacional e de esquerdas, organizada politicamente. A Galiza do ‘Seminario Estudos Galegos’ na súa etapa máis prolífica, a que deu lugar á magna Asemblea de Concellos do ’32 e que pariu o texto articulado de Estatuto de Autonomía, referendado exitosamente polo pobo galego o 28 de xuño daquel ’36, a Galiza da ‘Imprenta Nós’… 

As eleicións a Cortes no ‘36

Unha Galiza que deixara patente os seus desexos diante das eleicións ás Cortes do Estado español en febreiro daquel 1936.

Logo do bienio capitaneado pola Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), a Galiza expresouse en chave nacional e de esquerdas na franxa atlántica, como nunca o fixera con anterioridade; dando lugar a que os nacionalistas Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Suárez Picallo, Antón Vilar Ponte e Antón Alonso Ríos, activos do PG, foran eleitos parlamentarios diante daquelas eleicións ás Cortes. Entre os catro sumaron 487.704 votos (Castelao, candidato polo PG, con 103.436 votos, o máis votado pola circunscrición de Pontevedra; Suárez Picallo, candidato polo PG, con 153.145 votos, cuarto máis votado pola circunscrición da Coruña; Antón Vilar Ponte, tamén polo PG, con 145.009 votos, oitavo pola circunscrición da Coruña; e Antón Alonso Ríos, candidato galeguista do agrarismo pontevedrés, con 86.114 sufraxios, o sexto máis votado da súa circunscrición).

Uns resultados excelentes aos que poderíamos sumar os votos gañados por outros candidatos nacionalistas que non sairían eleitos, aínda que sumaran miles de votos (caso de Alexandre Bóveda pola circunscrición de Ourense -semella que un ‘pucheirazo’ xogou na súa contra,  a favor de José Calvo Sotelo, candidato  da dereitista ‘Renovación Española’-) ou, mesmo, daqueles que sendo galeguistas -ben o testemuñarían no tempo do exilio- foron nas candidaturas de Izquierda Republicana (caso de Elpidio Villaverde ou Alfredo Somoza).

"Temos, como país, unha oportunidade histórica diante das próximas eleicións ao goberno español e á Xunta de Galiza"

Complementábanse os resultados da franxa costeira atlántica coa vitoria da dereita e centro españolista no interior do país, dando lugar a unha clara radiografía da Galiza naquel tempo; do que o noso país era e do que quería ser, e tamén do que nos levaron os golpistas por diante cando executaron a figuras como Bóveda e desfixeron as organizacións políticas e institucións que representaban as bases, mesmo, dun Estado propio, reclamación máxima daquel galeguismo.

As cifras colleitadas polo PG, en canto forza xenuínamente galega, só se poden explicar en base á socialización por parte do nacionalismo galego dun discurso entre as clases populares, entre a maioría social, baseado na defensa dos sectores produtivos básicos e a riqueza natural da Galiza. Dun intelixente discurso que implicaba á maioría social á que se dirixía o galeguismo a favor dun proxecto de modernización e mellora material do país. Un discurso no que a loita contra o caciquismo e o centralismo españolista sería basal, como grande mal da pobreza e atraso no que ficaba boa parte dun país sangrado a tributos, sen materialización destes na propia Terra.

O golpe militar do ’36 quixo acalar con enorme virulencia estas reivindicacións, levando por diante o máis significativo daquela Galiza (en forma de asasinatos, violacións, exilios…).

As eleicións a España e Galiza no 2015/16

A fenda que abriu o golpe militar e a ditadura posterior, diante dun tempo republicano no que se estaban a sentar as bases do desenvolvemento autónomo e da modernización da Galiza, deu lugar a que as cifras eleitorais previas ao golpe non teñan sido superadas, en clave nacional e de esquerdas, até os nosos días. O golpe militar e a ditadura franquista foron unha grande pexa histórica que segue a se proxectar no presente do ponto de vista sociolóxico e tamén, loxicamente, político (…como se non explicar as maiorías gobernamentais na Galiza de Fraga, exministro franquista? Con todo o que isto implica…). E isto malia o traballo abnegado do nacionalismo galego, relanzado desde os anos sesenta en plena clandestinidade, logo de tomar o relevo a un vizoso exilio, centrais ambos á hora de manter viva a memoria do que a Galiza fora e quixera ser.

"A España medular estaba (e está) a facer importantes cambios para que nada mudara e nada mude"

E hoxe aínda está viva a memoria da Galiza que nos roubaron (aínda son, por fortuna, moitas e moitos os que nos testemuñan o tempo republicano, aquel tempo de ilusión no que o galeguismo era motor do país; malia que cada vez sexan menos as testemuñas que nos quedan, por cuestións obvias). E esa memoria está a tempo (por pouco, en primeira persoa) de ser recuperada e politicamente materializada nunha Galiza que poida retomar o camiño a favor da súa soberanía e dun futuro próspero, binomio inseparábel, (…futuro para o noso agro, para o noso mar, para o mundo do traballo, especialmente para a nosa mocidade). Futuro en plena liberdade a conquistar, con pasos previos ineludíbeis.

Fico convencido de que temos, como país, unha oportunidade histórica diante das próximas eleicións ao goberno español e á Xunta de Galiza; onde a actual representación nacionalista, inaugurada aló hai dúas décadas e acó tres décadas e media atrás, e que leva desenvolvido un traballo inigualábel en favor da Terra todos estes anos, poida verse acrescentada.

A sucesión na ‘Casa Real’, como teño afirmado xunto a outras e outros colegas en xuño do 2014, deu a clave estratéxica da situación política española. E é que a España medular estaba (e está) a facer importantes cambios para que nada mudara e nada mude. Dunha banda porque había que socializar a monarquía entre unha nova xerazón de españois aos que pouco lles importaba, mais ben nada, a existencia da mesma (ficando na súa man o seu futuro), mocidade que priorizaba a súa repulsa diante dos rigores da crise e do modelo socio-económico imperante, fronte outras cuestións; e doutra banda, mais ligada igualmente á devandita real casa -e os seus intereses-, polo embate soberanista catalán. Realidades que os asesores da realeza viron ben clara; patente desde as multitudinarias mobilizacións estudantís en España, nomeadamente das e dos ‘indignados’, e desde as macizas mobilizacións pola independencia en Catalunya.

"Escenario aberto, iso si, sempre e cando impere a intelixencia, a xenerosidade e o compromiso real co país e a súa maioría social por parte dos diversos axentes que están chamados a se entender"

O escenario está aberto. Estou certo de que o país poderá volver reeditar e ver superados, mesmo, uns resultados como aqueles referidos, quer no parlamento español, quer ao parlamento galego -noutrora inexistente- (sen querelo, a propaganda mediática dá fe disto, particularmente axitando o medo independentista, xa vello; e tamén un outro, non menos vello, o medo ‘bolivariano’, que recupera o espírito do vello medo ao comunismo).

Escenario aberto, iso si, sempre e cando impere a intelixencia, a xenerosidade e o compromiso real co país e a súa maioría social por parte dos diversos axentes que están chamados a se entender para articular unha Candidatura Galega Unitaria (con todo o que isto implica, particularmente en chave nacional). Grande paso o dado, neste sentido, na xuntanza do denominado ‘Banquete de Conxo 2.0’. 

Sendo esa maioría (a nación galega -ou boa parte dela, para que enganarnos- en marcha!), se quere asumir esta responsabilidade, a protagonista do proceso e do éxito do mesmo; mais sen exclusións e menos dos e das que máis levan arriscado até o momento, demostrando contra vento e maré grande capacidade efectiva de sacrificio co país (cos seus acertos e, naturalmente, cos seus erros). Unidade diante da que cómpre recoñecer a experiencia e achegas que cada quen teña realizado até o momento, en contextos ben máis duros e complexos que os actuais, acumulando este proceso (e arredor desta candidatura) todo o capital organizativo, colectivo e individual posíbel en favor dunha iniciativa na que lle vai a vida ao propio país.

O futuro da Galiza, o futuro colectivo desta nación negada, está en xogo. Gañémolo!



x