Como é ben sabido, o último plenario da Real Academia Galega decidiu, un ano máis, non lle dedicar o Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero. En Sermos informaron que fontes próximas á presidencia da institución aseguraron que xa están dispostas a homenaxear no futuro a figura do ferrolán. A ver...

 

Un ano máis, a Academia rexeitou dedicarlle ese memorable día, que se alonga felizmente todo o ano, a unha das meirandes figuras da literatura galega. Narrador, poeta, dramaturgo, ensaísta e investigador ao que máis lle debe a literatura galega contemporánea. Do Partido Galeguista, represaliado na Guerra Civil, do Seminario de Estudos Galegos e de moitas outras institucións, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, e egrexio membro numerario da Academia Galega. Nada parecen valer os seus abondosos méritos literarios e, científicos, e, sobre todo, o seu compromiso con Galiza e a lingua galega, unha lingua en horas baixas, o que fai máis grave e suicida esta marxinación. Defensor do reintegracionismo, Carvalho Calero foi un heterodoxo; isto, ao que parece, convérteo para algúns irremediablemente nun perigoso traidor á xenuína lingua galega, por buscar a súa volta progresiva á unión co portugués; por iso, para eles semella ser reo da vella máxima romana: “Roma no paga traidores”. Pero un heterodoxo —máis un herexe— é alguén que é quen de ir alén da doxa oficial, abrindo camiños novos; iso faino imprescindible nunha sociedade e nunha cultura. Foi o caso do gran Prisciliano, cuxo legado tentamos recuperar desde hai anos como unha figura necesaria para Galiza, durante séculos denigrada e marxinada.

 

Un heterodoxo —máis un herexe— é alguén que é quen de ir alén da doxa oficial, abrindo camiños novos

 

Desde hai  tres lustros, Carvalho Calero é un candidato habitual para a celebración das Letras. Sobre todo desde 2005, ano en que o presentou o académico Xosé Luís Axeitos; que volveu facelo este ano 2018 co apoio de Xosé Ramón Barreiro Fernández, Manuel Rivas, Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira e Euloxio Ruibal. Certamente, o Dia das letras tense devaluado con controvertidos nomeamentos que obedecen máis a cuestións políticas e intereses non sempre propiamente culturais na defensa da lingua galega. Deste xeito, podería parecer que o feito de non dedicárselle o Dia non é relevante. Con todo, ao virse dedicando nos últimos tempos case todo o ano ao escritor elixido pola Academia, superando o memorable día da primavera, significa unha ocasión de divulgación popular, ademais de ser un acicate para o estudo da súa obra e a proliferación de publicacións verbo do persoeiro. Todo isto sitúa e aínda magnifica a figura do homenaxeado, absolutamente lexítimo cando significa facerlle xustiza.
 

E isto foise perdendo ano tras ano verbo da figura de Ricardo Carvalho Calero, ao non dedicárselle o Dia das letras. O que significa un empobrecemento para a nosa cultura e para Galiza, para todos nós. Isto é o máis grave; a el seguramente xa lle importa ben pouco.

 



x