Como se ten falado xa abondo, este ano 2018, ademais dos cincuenta anos do Dia da Patria Galega –celebrado ininterrompidamente ate hoxe– e do Maio do 68 –revolución efémera, pero onde naceron os chamados “novos movementos sociais”; un ano de utopías, no que parecía que outro mundo era un pouco máis posible que este violento e inxusto e no que unha revolta social recorreuo mundo–é o centenario da fin da Primeira Guerra Mundial–absurda coma tódalas guerras–e da vitoria das sufraxistas, histórica chea de sentido

Pero tense falado menos que este 2018 é tamén o centenario do nacemento da nosa gran poeta Pura Vázquez, do querido profesor Enrique Tierno–aquel que nos dixo que non era o mesmo ser ateo que ser agnóstico–, do sindicalista Marcelino Camacho… e do gran pensador intercultural e interrelixioso catalán Raimon Panikkar. Por iso, a Institució de les Lletres Catalanes (Generalitat de Catalunya) declarouno “Ano panikkariano”, inaugurándoo no pasado febreiro no Saló de Cent do Concello de Barcelona nun evento emocionante no que nos reunimos familia, amigos e admiradores do gran pensador.

No 68, Raimon Panikkar acababa de iniciar a súa docencia en EEUU, e viviu intensamente a eclosión social da protesta xuvenil en USA. Desde 1967 era profesor na Harvard Divinity School e no Center for the Study of World Religions de Cambridge-Massachusetts; e logo sería vinte anos profesor titular de Filosofía comparada das Relixións na Universidade de Santa Bárbara-California (UCLA), capital da contracultura norteamericana, onde foi unha especie de guru para moitos estudantes. Panikkar viña da India, a onde chegara catorce anos antes (1954), e onde se asentara sobre todo a partir de 1964.

Quen era este home? Raimundo Panikkar Alemani (Barcelona 2  novembro 1918-Tavertet 28 agosto 2010) foi un home excepcional, dun recorrido existencial e intelectual longo, rico e fora do común polas múltiples dimensións da súa existencia. Nel converxen a súa orixe hindú-cristiá, a súa formación académica e intelectual interdisciplinar e plurilingüística, intercultural, interrelixiosa... Viviu tan intensamente varias experiencias relixiosas que chegou a declararse simultaneamente cristián-hinduísta-buddhista-secular.

Cando se estableceu como profesor na UCLA no 68, Panikkar xa era un recoñecido Doutor en Filosofía e Letras (Madrid 1946), Doutor en Ciencias Químicas (Madrid 1958) e Doutor en Teoloxía (Roma 1961). E xa tiña unha longa lista de libros publicados en español, italiano, francés, inglés e alemán: El Concepto de la naturaleza (1951, Tese en Filosofía), Ontonomía de la ciencia (1961, Tese en Ciencias), La India. Gente, cultura y creencias (1960, Premio Nacional de Literatura Española),Humanismo y cruz (1963), L’incontro delle religioni del mondo contemporáneo (1963), Die vielen Götter und der eine Herr (1963; Los dioses y el Señor 1967), The Unknown Christ of Hinduism (1964, Tese en Teoloxía publicada en español como El Cristo desconocido del hinduísmo 1970), Religione e Religioni (1964, Religión y religiones 1965), Kultmysterium in Hinduismus und Christentum (1964, Le mystère du culte dans l’hindouisme et le christianisme 1970), Maya e Apocalisse. L’incontro dell’induismo e del cristianesimo (1966, Misterio y revelación. Hinduismo y cristianismo 1971), etc. Nos anos seguintes virían moitos máis,até superar os 70 libros emáis de mil cincocentos artigos.

Raimon Panikkar foi moito máis que un profesor e un prolixo escritor, foi un dos grandes mestres do século XX, un dos pensadores cataláns e españois con máis proxección internacional, e un dos meirandes pensadores do noso tempo, ponte excepcional entre Occidente e Oriente. Así o teñen recoñecido numeroso galardóns; entre outros, o  español “Memorial Juan XXIII por la Paz” (1998), o catalán “Creu de San Jordi” (1999), o francés “Chevalier des Arts e des letters” (2000) ou o italiano “Premio Nonnino Maestro per il nostro tempo” (2001). Unhas verbas do Dr. Joseph Prabhu nun dos primeiros e máis interesantes libros colectivos sobre Panikkar (The Intercultural Challenge of Raimon Panikkar, 1996) resultan iluminadoras para acercarnos el: “A contribución teórica e práctica de Raimon Panikkar é inmensa. Desde a historia e a fenomenoloxía da relixión, la filosofía e a teoloxía, até a cosmoloxía e a filosofía da ciencia, os estudios comparativos... É tanto un poeta coma un filósofo, un místico coma un teólogo”.

A obra deste gran pensador está recoñecida internacionalmente como unha das máis innovadoras do séculoXX no campo do pensamento, como testemuña as múltiples traducións dos seus ensaios e as numerosas monografías y teses de doutoramento que se teñen feito sobre el (máis de trinta en Salamanca, Barcelona, Compostela,Madrid, Milano, Roma,Verona, Louvain,Oxford, Frankfurt, Bonn, Freiburg, Melbourne, Philadelphia, Michigan, München, Washington, Upssala, Bangalore, Madras, Beijing...), como recollín na Introdución do meu Diccionario panikkariano. En español e catalán téñense publicado moitas menos monografías sobre el que en italiano e outras linguas.

Ademais de mestre, Raimon Panikkar foi para min un gran amigo que me mostrou a súa amizade en numerosas ocasións; sobre todo nos nosos longos coloquios na súa casa de Tavertet e na nosa correspondencia. Con ocasión do seu 90 cumpleanos, prologou o meu primeiro libro sobre el (Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida: Raimon Panikkar,2008), falando da nosa amizade e invitándome a unha “liberación da teoloxía das estreiteces microdóxicas”. Tamén falou laudatoriamentedo meu segundo libro, aparecido inmediatamente despois (Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar) con ocasión da súa presentación en Barcelona. No ano 2016 veu a luz o meu terceiro libro sobre o seu pensamento (Diccionario panikkariano), que recolle o traballo de máis de dez anos. Para os meus lectores galegos, seguramente esta faceta panikkariana miña é menos coñecida, pero dou moitas grazas a Deus por terme topado con este home e o seu rico pensamento, tan iluminador e innovador.



x