Sen títuloA revista Irimia chegou ao seu número 1000, un feito relevante na historia das publicacións galegas e en galego, co que só ten parangón A Nosa Terra. A chave deste feito é a aposta xenerosa por Galiza que se fixo desde o comezo e que soubo manterse ao longo de máis de tres décadas, xunto coa gratuidade e o tesón dos cristiáns e cristiás galegas que a fixeron e a apoiaron neses 38 anos, manifestando co seu compromiso que o Evanxeo pode ser liberación.

“O máis difícil de todo foi o parto”, dicía Ramón Díaz Raña no primeiro aniversario de Irimia  (nº 52, 1982)

 

“O máis difícil de todo foi o parto”, dicía Ramón Díaz Raña no primeiro aniversario de Irimia  (nº 52, 1982). O proxecto comezara en 1978, coa Romaxe de Crentes Galegos realizada ese ano no Pedregal de Irimia –nas fontes do rio Miño na serra de Meira–, que lle deu nome á revista, e cuxo expresivo lema era “Eu renazo galego”. Logo, nun Cruceiro –un encontro de cristiáns galegos que buscaba renovación de Igrexa galega– celebrado ese mesmo ano en Bastiagueiro, e finalmente co fundación da Asociación Irimia. Lanzada a idea, foi elaborándose o proxecto, buscando socios e apoios, cartos e equipo responsable. Xosé Chao Rego e o mesmo Ramón Raña foron os que me convenceron para que me comprometese na direccion dunha equipa inicial de colaboradores, que logo se convertería na primeira mesa de redacción: Chao Rego, Xosé Antón Miguélez, Manolo Regal, Alfonso Blanco Torrado, Xosé Manuel Carballo, Agustin Fez. Paz e Lois Ferradas (da nova escola galega); no ano 83 sumáronse Daniel López Muñoz e logo Xosé Lois Vilar e Marta Sopeña.

Despois da presentación do nº 0 na IV Romaxe (Lagoa de Castiñeiras-Pontevedra), o nº 1 de Irimia. Semanario de Crentes Galegos viu a luz en novembro de 1981, editado por Elias de Barallobre e impreso no Mosteiro de Sobrado: oito páxinas formato cuartilla. Lembro ben como costou facer as oito sinxelas páxinas ate o nº 7, sen medios e case sen xenteA primeira mesa de redacción reducíase en moitas ocasións a Pepe Chao e mais eu en Vilalba, coas colaboracións que ían chegando. Escoitamos unha e outra vez: “¡Semanal!... Non chegades ao número 5”.

Pero chegamos ao primeiro aniversario (nº 52) sen deixar unha semana de saír. E logo ao número 100 (Outubro 1983): “Despois de cen semanas… imos indo”, diciamos na portada. No Editorial, titulado profeticamente “Mentres chegamos ao mil”, diciamos: “Cen veces... este esforzo organizado quixo informarte de cousas de interese que pasan ao noso derredor; cen veces quixo levarche con vida e frescura a palabra de Deus en Xesús... e fíxoche compaña para falar contigo”.

Seguiron publicándose semanalmente os números e chegamos a una II etapa, na que Irimia deixou o seu formato inicial, entre folla parroquial e fancine revolucionario, para pasar en 1985, co número 168, a unha revista en formato meirande e con máis páxinas. Seguiu algún tempo sendo semanal, pero, co comezo do ano 1987 (nº 257), o semanario pasou a ser revista quincenal. “Ou medra ou morre –dicíase nun número especial a finais de 1984-. En Irimia tomamos moi en serio este reto... Sen traizoar os nosos plantexamentos populares, queremos ofrecer un mellor produto e a vella Irimia quedábasenos pequena”. A mesa de redacción ampliou e fíxose máis estable; alternando o encontro semanal entre Vilalba, Lagoa-Pastoriza, Romariz-Abadin, Muimenta e logo Xove; onde estabamos os da redacción. Seguiamos sen ordenadores e mesmo sen teléfono, pero activos e creativos. Os colaboradores foron medrando; algúns de xeito máis habitual como Eliseo Migélez, Paulino P. Mendaña, A. Miramontes, Bernardo G. Cendán, Tintxu, Francisco Carballo, o bispo Araújo... ou colectivos como Vangarda Obreira, A Rella (Antón Fernandez Oca e os colegas de Ribadeo) ou Esmorga. Con outros colaboradores ocasionais, como as egrexias plumas de Miguel Suárez Abel, Marica Campo, Suso de Toro ou Manolo Rivas.

E chegou o nº 300 (1988); puxemos a Rosalía na portada e nos seus beizos unha ousada frase: “Galiza e máis Galiza con Irimia que sen ela”; “para nós foi sacrificio e regalo, cruz e resurrección”, diciamos no editorial. No 500 (1997) escribín unhas liñas a petición da nova mesa de redacción, pois xa deixara a dirección en 1992, despois de doce anos e 390 números: “Irimia era o vagalume que resistiu”; xa non eramos só “promesa”, senón realidade: a dunha publicación galega que chegara a un número ao que moi poucas publicacións en galego chegaran. “Non só eramos galeguistas –dicía-, senón que tamén eramos cristiáns. Non excluíamos a ninguén... pero non ocultabamos a nosa identidade”. No 700 (2005), con ocasión dos 25 anos da revista, escribín: ”Coma nos tempos da seca do profeta Elías, nunha faltou o pan e o aceite na artesa, para alimentar o lume do vello proxecto, a pesar dos momentos de cansazo e desalento”. No 2014 Irimia chegou o nº 900, vendo o futuro con esperanza e desexos de renovación.

O novo equipo que a levou desde hai anos quere continuar a publicación en edición electrónica, pero non pensa abandonar a edición en papel

 

Agora chegou ao simbólico 1000: “Mil pequenas primaveras”. Este sábado 15 de decembro, celebrarémolo nun encontro festeiro en Compostela. O novo equipo que a levou desde hai anos quere continuar a publicación en edición electrónica, pero non pensa abandonar a edición en papel, que proxecta seguir facendo con periodicidade mensual. Irimia quere seguir facendo parte desa pequena galaxia de publicacións comprometidas co galego e con este país, como é agora o semanario Sermos Galiza, Tempos novos, Luzes, Terra e tempo, A peneira... e, oxalá!, o futuro Diario galego.



x