O primeiro que me veu a cabeza, e logo á boca...., ante o vergoñento espectáculo que deu este venres o xuíz Pablo Llerena e os seus “cinco magníficos” mandando ao cárcere aos pacíficos deputados cataláns, ao día seguinte da súa participación no debate de investidura, foron as verbas dunha vella “Pasión gitana” que coñecera polos anos 80 do século pasado, no que o pobo bérralle unha e outra vez aos que condenaron a outro home pacífico, Xesús de Nazaret:“¡Si serán hijos de puta!/ ¿No es pa cagarse en todos sus muertos?” (logo souben que pertencen ao “Viacrucis Popular Lorquino”, e que aparecen nun libro editado hai uns anos). 

Xosé Mexuto, cualificando ao estado español de “Leviatán furioso” e de suicida,  acaba de dicir aquí verbas que subscribo: “Cego e ebrio na súa exhibición de forza bruta, o Estado español estase suicidando. Encarcera e/ou empurra ao exilio a políticas e políticos soberanistas con resolucións xudiciais que non resisten a análise dunha estudante de primeiro curso de dereito”.

O xuíz do Tribunal Supremo viña de procesar por “rebelión” e “graves delitos” a trece líderes independentistas. Ao presidente da Generalitat Carles Puigdemont, ao vicepresidente Oriol Junqueras, a Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, Antonio Comín, Lluís Puig, Meritxell Serret e Clara Ponsatí, xa os tiña no cárcere sen fianza ou en “orde de busca e captura”, coma perigosos criminais. Agora enviaba a prisión sen fianza a cinco máis: Jordi Turull, Raül Romeva, Carme Forcadell, Dolors Bassa e Josep Rull; cousa que non fai con outros delincuentes xa condenados pola xustiza. Marta Rovira, tamén procesada, non quixo comparecer ante o xuíz e exiliouse en Suíza; o xuíz pediu tamén para ela orde internacional de detención. Noméoos aquí coma homenaxe e respecto a eles e elas, xente pacífica, como teñen feito e expresado literalmente.

Como recoñeceron diversos medios de comunicación, nun auto de procesamento verdadeiramente demoledor, o xuíz deu por feito que os acusados –e dígoo literalmente coas súas presuntas palabras- “incorporaron voluntariamente el uso de la fuerza para la consecución de sus planes de secesión”, que levaron ao “fanatismo violento de muchos de sus seguidores”, persistindo na súa “determinación criminal”, mostra da súa “voluntad de incorporar la utilización de la fuerza”, co que xustifica aplicar o delito de rebelión do Código Penal, penado até con 25 anos de cadea.

Só lle resta dicir a xuíz que teñen “cara de facinerosos” e que agochan unha pistola ou unha faca debaixo do traxe ou o vestido!

 

“Utilizaron o uso da forza” e tiñan unha “determinación criminal”! o que xustifica cárcere. ¿De quen está a falar este xuíz? A vista de moitos de nós, non de esta xente pacífica que vimos nos medios, mesmo despedindo aos seus con bágoas nos ollos, e non de crocodilo... Só lle resta dicir a xuíz que teñen “cara de facinerosos” e que agochan unha pistola ou unha faca debaixo do traxe ou o vestido! Até aos  comentaristas anticatalanistas de “La Voz de Galicia” cualificaron a actuación destes xuíces de ser coma “elefantes en cacharrería”, cunhas condenas que “non son edificantes, nin axudan, nin son xustas” (Barreiro); outro columnista recoñecía que “non é agradable ver a un ser humano encerrado, e menos a quen  foi elixido polos cidadáns para mellorar as condicións de vida de todos”. 

Estes irmáns cataláns, elixidos democraticamente polo seu pobo para gobernalos nos próximos anos, iniciaban así o seu particular camiño do calvario neste Domingo de Ramos ao comezo da Semana Santa, no canto de comezar uns días de descanso como  moitos dos seus concidadáns traballadores. Sen facer comparacións demasiado doadas, eles son vítimas do odio, a inquina, a vinganza e o revanchismo dun estado impotente ao que lle botaron un lexítimo pulso –outro máis desde hai anos- e duns tribunais ao seu servizo, coa anuencia de políticos e medios corruptos, e dun pobo que pensa que é máis sagrado a “unidade de España” que os dereitos de persoas pacíficas concretas que só fan política, e dos pobos que conforman este estado. 

Son vítimas do odio, a inquina, a vinganza e o revanchismo dun estado impotente ao que lle botaron un lexítimo pulso

 

¿Despois do sufrimento do cárcere e o seu particular Venres santo, chegará para estes irmáns unha merecida mañá de Pascua, como lle aconteceu ao Nazareno? Oxalá; do contrario moitos cataláns poden perder a paciencia e pasar das manifestacións pacíficas ás violentas; que os cidadáns de ben non queremos. Porque... ¡xa abonda! A viraxe fascista da política e a xudicatura está colmando o vaso.