Ando nos últimos meses dándolle voltas a cuestións que, como muller feminista e nacionalista galega, me andan pola cabeza.

A orixe destas reflexións, até o de agora internas mais que quero compartir, non é outra que como moitas das forzas “políticas” que presumibelmente se van presentar nos vindeiros comicios electorais, USAN (e poño o verbo con maiúsculas para que fique claro como o estou percibindo) as premisas do feminismo como mero postureo.

Analizo as actuacións últimas de algunha xente que vai concorrer nas listas varias e comprobo que o seu día a día nada ten a ver coa loita na que as feministas levamos décadas .

Quero apropiarme nestas reflexións dunha frase dunha compañeira neste camiño do feminismo que di que “non queremos aliados senón desertores do patriarcado”, e eu suscribo totalmente esta premisa.

Tal é o desleixo nesta cuestión que nin tan siquera na súa denominación ou nos documentos, voceiros, publicacións, etc…que se distribúen teñen a pouca sensibilidade para que a linguaxe a empregar sexa inclusiva rexeitando desta maneira a postura do movemento feminista na que afirmamos que “o que non se nomea, non existe”. Porque si, señoras e señores, non acreditamos en organizacións que nos invisibilicen, tamén na linguaxe.

Sexa cicais a mencionada, unha das mostras gráficas da miña preocupación. Mais non a única, nen a máis grave. Tampouco podo obviar, nin denunciar, as “bravuconerías” que nas barras dos bares se escoitan cando de feminismo, igualdade ou discriminación das mulleres toca analizar. Non quero reproducir a cantidade de barbaridades e agresións verbais que ten unha que escoitar por parte dos machirulos de taberna cando queren dar leccións do que é “importante”, e do que as mulleres debemos ou non debemos facer para evitar que se nos agreda dalgunha das múltiples formas que o machismo e o patriarcado acostuman a facer, calquera de vós é quen de imaxinar moitas delas.

Pois si, xentes así conforman as listas electorais. Listas electorais que, non dubidedes, os seus “lideres” dirán que defenden a igualdade de xénero e que están en contra da violencia machista….Non podo evitar aquí traer a colación a acertada campaña do BNG neste último 8M, mais eu cambiaría algo: “o seu lazo, Sr. Presidente” por “os seus lazos, Sres. Candidatos”.

Dicía no inicio deste artigo que son cuestións que me preocupan como feminista mais tamén como nacionalista galega.

E á par do que xa levo denunciado ou compartido até o de agora nestas reflexións, poño tamén o tema da lingua. A nosa lingua, tamén usada cando toca defendela polo que de políticamente correcto ten, mais desprezada e aldraxada cando toca levar adiante feitos que demostren que esa defensa non é só “postureo”. As mulleres galegofalantes sabemos da opresión que sufrimos por non renunciar á nosa lingua, e convídovos neste punto a que tiredes de hemeroteca e vexades todo o que deu de sí a campaña “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua”, lema escollido polo SNL da UDC, xunto co SNL do Concello da Coruña e a Área de Normalización da Deputación da Coruña para conmemorar o 25 de novembro do ano 2008, tamén que vos acheguedes aos múltiples traballos que sobre a opresión lingua e xénero se teñen publicado no noso país.

Non acredito en quen fai uso da linguaxe inclusiva só en momentos puntuais, nin en que non ten a valentía de defender a nosa lingua en todos os espazos  e en todas as ocasións, e pensa que tanto unha cousa como outra non debe ser algo transversal que abranga a todas as accións, grandes ou pequenas do noso día a día.

Cohabitan no noso país dúas linguas, unha delas foi considerada durante anos a lingua da xente pobre e inculta, polo tanto esa non era a língua que se procuraba para as mulleres. Porque para que as mulleres non estivesen no último chanzo da escala social debían abandonar o galego e cambialo pola lingua do imperio.

Reivindicábase naquela campaña mencionada que todos os tipos de violencia deben ser desterrados, derrubar a sociedade patriarcal que condena as mulleres ao traballo invisíbel dos coidados, cambiar un sistema que condena a millóns de mulleres á pobreza extrema e segue a condenar ás galegas a deixar de usar a nosa lingua para que os poderes establecidos teñan a ben tratarnos con respecto, no nome do progreso social.

A  carga represiva sobre as mulleres e sobre a lingua galega segue a manterse hoxe en día en igual medida

Reivindico que dentro do feminismo galego se loite tamén contra este tipo de violencia. Porque a carga represiva sobre as mulleres e sobre a lingua galega segue a manterse hoxe en día en igual medida. Porque o capitalismo e a globalización precisan sobreviviren e espallarse da subordinación das mulleres e da proscrición do galego: sen explotación e o lucro que obteñen das mulleres da clase obreira, non existirían; e, por outra banda, a superioridade do español precisa exercerse sobre a inferioridade do galego. Na estratexia da imposición, contan coa complicidade de quen se adapta aos patróns sociais. Rachar con esa dobre subordinación segue a ser revolucionario.

As mulleres galegas, as mulleres da clase traballadora, precisamos dun compromiso transversal por parte de todos os poderes públicos. Que esa igualdade legal que a priori temos as mulleres e que a priori ten a lingua galega, sexa unha igualdade material, que non teñamos que esixir, pola que non teñamos que seguir a loitar.

Fagámolo efectivo en todos os niveis, en todas as esferas, en todos os espazos…no municipal, no nacional, no estatal, no europeo.



x