Os territorios estremeiros de lingua galega poden ser considerados desde a Galiza administrativa dun xeito mellorábel. Hai un tratamento territorial que non gusta especialmente ao Bierzo. Nos estudos filolóxicos e sociolingüísticos O Bierzo non existe ante o protagonismo da provincia leonesa. Para comprender esta queixa vexamos algúns exemplos.

 

Se repasamos os diversos estudos dialetolóxicos comprobamos que O Bierzo non consta neles e si a referencia a León. Así acontece nas investigaciois de Zamora Vicente sobre a fronteira entre o galego e mailo leonés "en la provincia de León" (1945). Carvallo Calero determina as súas 4 modalidades do galego sobre puntos lingüísticos da provincia leonesa (1969). Ramón Mariño, na Historia da lingua galega (1998), refírese ás "zonas de lingua galega de Asturias, León e Zamora, onde viven aproximadamente 75.000 personas"  (1998).  

 

Noutra investigación sobre a lingua galega do alumnado teiman "nas franxas occidentais de Asturias, León, Zamora" (1992). Polo que toca a Francisco Fernández Rey tamén se refire ao “uso do galego en Asturias, León e Zamora” ou ao galego “na franxa leonesa” (1998). Ana Seco Orosa ten un traballo titulado “O trazado da frontera do galego na provincia de León” (1998). Máis recentemente, Xosé Costas González. publicou un libro sobre os xentilicios, no cal atopamos a distribución deles segundo as provincias de Asturias, León e Zamora (2016).

 

Todos estes exemplos poden ser considerados pouco precisos. Cremos que non asumen a presenza do Bierzo. Falta o recoñecemento territorial axeitado porque caen nun provincialismo centralista alleo. Queremos chamar a atención sobre estes prexuízos inconscientes que fomentan a subordinación administrativa e cultural do Bierzo.

 

Convén dicir que as instituciois leonesas, Deputación provincial, universidade ou concellos, non teñen ningún interese polo galego do Bierzo, senón pola lingua leonesa. Entón, a que vén ese protagonismo comentado dado á provincia leonesa? León non é referente administrativo nin cultural para o galego. O Bierzo, as nosas instituciois e os falantes, son os protagonistas da defesa e o fomento do galego.

 

Queremos chamar a atención sobre estes prexuízos inconscientes que fomentan a subordinación administrativa e cultural do Bierzo

 

Por certo, O Bierzo é un territorio cunha clara delimitación xeográfica. Desde 1486 foi considerado como provincia. Esta declaración institucional existíu ao longo de toda a Idade Moderna. Incluso foi provincia liberal en 1822 para logo ser suprimida e integrada na leonesa. Depois a nosa vella provincia foi tamén dividida en dous partidos. Houbo un recoñecemento territorial coa mancomunidade da Comarca de Ponferrada (1969). E por fin tivo lugar a creación legal da Comarca do Bierzo en 1991.

 

Todo o dito serve para reafirmar que O Bierzo ten un recoñecemento territorial, institucional e identitario especial que debe ser respeitado. Non acontece o mesmo coas outras comarcas estremeiras galegofalantes de Eo-Navia, As Portelas e Val das Ellas. Igualar, por descoñecemento, territorios tan diferentes provoca equívocos e desconfianzas.

  
Para favorecer a irmandade cultural e lingüística entre Galiza e O Bierzo convén un mellor coñecemento mutuo. O Bierzo ten loitado historicamente por acadar un maior recoñecemento territorial e bilingüe. Velaí que non se admita ben ese comprobado ocultamento do Bierzo fronte á relevancia da provincia leonesa. Ademais, levamos séculos falando galego sen o abeiro das institucións foráneas. Tanto a Deputación leonesa coma a Junta de Castela e León non son protagonistas na protección do galego, senón O Bierzo.