Catalunya: desobediencia ou repregamento

Xabier P. Igrexas - www.contradiscurso.net


Catalunya vive sumida nun impasse. Nunha paréntese. Nun estado de suspensión. Como suspendida fica a declaración de independencia do 10 de outubro do ano pasado, e suspendido está o estreito marco do autogoberno autonómico. O soberanismo foi quen non só de aglutinar unha indiscutíbel maioría social a prol da causa da independencia nacional, senón de superar as sucesivas probas de obstáculos impostas polo Estado español. Ter sido quen de resistir os duros embates dos últimos meses, desde os golpes de porra o 1-O até a detención do president Carles Puigdemont no exilio o pasado domingo, acredita as súas enormes fortalezas.

Só un movemento fortemente enraizado a nivel popular e articulado en estruturas organizativas que logran hexemonizar non só o ámbito político-institucional senón tamén, e en grande medida, o campo popular, sería capaz de resistir a violencia descomunal exercida ao unísono por todos os poderes do Estado español. Ou expresado en pasiva: polo omnímodo poder do capital monopolista español, que é quen detén o poder real. 

O independentismo está asediado por todos os flancos: o xudicial, o policial [incluídos os Mossos], o institucional, o económico e tamén o internacional –a través dese silencio cómplice de Bruxelas e a ausencia de voces críticas relevantes na mal chamada Comunidade Internacional–. Dentro e fóra do propio país. 

Con todo, o maior desafío non ten a ver con esa ameaza múltiple. Senón coa necesaria (e urxente) definición dunha nova folla de ruta que lle permita ao soberanismo superar esta emboscada que se cerne sobre el e volver tomar a iniciativa. A detención de Puigdemont semella ter alentado unha resposta máis enérxica no plano mobilizador, que confirma o procés segue con pulso. Cun importante pulso social.  

O cenario é inmensamente complexo. E descifrar horizontes antóllase non menos difícil, máxime se ollarmos extramuros da propia realidade interna: de Catalunya, do soberanismo e dos diferentes actores que o integran. Se nunca há recetario prodixioso para contextos inauditos, no caso catalán calquera intento de prescribir desde fóra opcións, alternativas ou saídas é aventurado até o paroxismo.

No entanto, o que si que parece claro é que o procés soberanista enfronta máis unha disxuntiva, na que non há elementos que permitan albiscar espazo real para fórmulas intermedias. O camiño bifúrcase en dúas direccións antagónicas e distantes entre si. O soberanismo ten de escoller ou na vía da desobediencia ou no repregamento. A desobediencia foi desbotada de facto após a suspensión da DUI e a ausencia de resistencia, inda que for pasiva, á aplicación brutal do 155, o desmantelamento da institucionalidade autonómica e a expulsión desta de representantes democraticamente elixidos. Desobediencia que, agora, tería que se desenvolver moi probabelmente en chave de resistencia non-violenta e de insubmisión, con base nun potente proceso mobilizador de masas. Nun exercicio de democracia constituínte e de contrapoder (e nisto xoga tamén un papel o poder local) face a un Estado que xa acreditou non ter límites para asegurar a sacrosanta unidade de España. 

Ou desobediencia, ou repregamento. Non nun sentido de capitulación estrita, mais si renunciando no inmediato a efectivizar o mandato popular do 1-O e facendo que a suspensión da República sexa sine die. Agardando mellores condicións ou unha correlación de forzas máis favorábel, por difícil que sexa imaxinar como e cando estas se poidan dar. 

En función do camiño escollido as fórmulas a aplicar serán diferentes. De asumir que ceder só fortalece o poder do Estado e alimenta a súa espiral represiva, a desobediencia debera empurrar a investidura de Carles Puigdemont, como defende a CUP. Se pola contra se opta por gañar tempo, o vieiro é o de elixir un govern efectivo, isto é autonómico e sometido ao marco legal español, que permita recuperar o control sobre a Generalitat. Ese é o debate de fondo, que vai moi alén de nomes ou de diferenzas tácticas. O que se resolva nos próximos días e semanas definirá se a República catalá camiña a se facer realidade ou continuará a ser apenas un horizonte simbólico.
 



x