Imaxinemos un mundo no que todas as actividades económicas foran realizadas por máquinas e robots. ¿Que pasaría cos seres humanos que non fosen propietarios de medios de produción? Ao non traballar, ¿dispoñerían de medios para alimentarse, vestirse, adquirir unha vivenda, formarse, viaxar, divertirse… ou, pola contra, estarían condenados a morrer de inanición e aburrimento?

A partir da revolución neolítica, na que o home pasou de ser nómade —e alimentarse da caza, a pesca e a recolección— a levar unha existencia sedentaria determinada polos labores agrícolas e gandeiros, a humanidade evolucionou producindo cada vez maiores excedentes que permitiron a certos grupos de persoas liberarse do traballo. Xurdiron así as primeiras “clases sociais”, cuxos membros puideron dedicarse a ocupacións distintas ás indispensábeis para a supervivencia: os guerreiros, os bruxos, e o que poderiamos denominar a “clase dirixente”.

Dende o século XX podemos considerar aos pensionistas como unha destas clases, liberada tamén de ter que traballar despois de toda unha vida de esforzos. Pero en España as pensións están tecnicamente conxeladas tras a entrada en vigor da Lei 23/2013, do 23 de decembro, reguladora do Factor de Sustentabilidade e do Índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social, sendo revalorizadas dende entón tan só un 0,25% cada ano, incluído o 2018. Con todo, a ameaza sobre este dereito constitucional ( Art. 50 CE: “Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade…”. [a letra grosa é miña]) non acaba aquí, pois renomeados expertos advirten da conveniencia de contratar plans privados de pensións (algo imposíbel para a inmensa maioría dos traballadores, dado o seu baixo salario), e da insustentabilidade do sistema público por mor da diminución das cotizacións ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Adúcese que hai trinta anos había case tres traballadores en activo por pensionista, que na actualidade hai dous, e que dentro doutros trinta haberá máis pensionistas que cotizantes. Ademais, os novos perceptores reciben unha pensión até un 30% superior á dos que se incorporaron ao sistema nunha data tan próxima como o ano 2007.

Este prognóstico fundaméntase no feito de que o noso réxime de pensións é o que os especialistas denominan un “sistema de repartición”, que consiste en que estas prestacións abónanse co diñeiro procedente das cotas que recibe o INSS no presente. E apontóase co seguinte argumento: as pensións públicas tenderán a desaparecer ou a converterse en asistenciais porque, ceteris paribus, o cociente cotizantes/número de pensións contributivas é cada vez menor.

“Ceteris paribus” é unha expresión latina, moi empregada en economía, que significa: “Quedando no mesmo estado as outras cousas”. Nesta cuestión, implica que permanecen constantes as demais variábeis que afectan ao mantemento dun réxime de pensións dignas. ¿E cales son esas variábeis que permanecen inamovíbeis? Entre outras: a contía das cotizacións por empregado, a exclusión do concepto “produtor” (o que produce) e da obrigación de cotizar aos robots ( DRAG: “Aparello electrónico con capacidade para substituír o home na execución dalgún traballo, particularmente manual, xa que pode executar automaticamente operacións e realizar diversos movementos.” [a letra grosa é miña]), a desviación de recursos cara a xubilacións anticipadas como consecuencia de expedientes de regulación de emprego, o tipo impositivo do imposto de sociedades, a contribución do estado, etcétera. Todo isto converxe na tese adoptada como certa polos actores económicos, políticos e até sindicais: “Para que o sistema público de pensións sexa sustentábel debe haber máis traballadores activos que pensionistas”.

Porén, este discurso obvia que grazas á informatización e robotización de gran número de actividades económicas, un só empregado do século XXI realiza o traballo, e crea a riqueza, que hai poucas décadas creaban dez; de modo que se antes precisábanse tres asalariados por xubilado ou incapacitado para garantir a perdurabilidade das pensións estatais, adoptando as oportunas reformas, bastará con un. E inda con menos; cando os traballadores apenas sexan necesarios.

E é que hoxe en día, e máis no futuro, o problema non reside en cantas persoas hai en activo, senón no importe total das cotizacións (de humanos e de autómatas) e de impostos achegados ao sistema, e de como se distribúe a riqueza e os beneficios que aqueles —e as máquinas de toda índole— xeran, entre os propietarios dos medios de produción, o estado e o conxunto da poboación, incluídos os pensionistas.



x