Se cadra inspirado nas verbas coas que, na Divina Comedia de Dante, eran recibidos nas portas do inferno os que alí chegaban, o presidente do Consello da UE decidiu a semana pasada que xa era tempo de falar claro e se deixar de eufemismos. Os destinatarios da súa mensaxe, os milleiros de persoas que se agolpan nas fronteiras do leste de Europa na procura de pan, teito e seguridade: “Non veñades –ameazou o polaco Donald Tusk- non vos imos deixar pasar, o voso esforzo será en van”. Abandonade toda esperanza. 

Aos poucos días da declaración, a UE comezou a lle dar forma. A decisión é coñecida: converter Turquía en muro de contención e en enorme campo de refuxiados, todo a un tempo. A cambio, 6.000 millóns de euros e importantes vantaxes económicas e políticas. Un acordo cun Estado en que, para máis inri, o presidente Tayyip Erdogan persegue á opoisición política de esquerdas, ocupa militarmente cidades curdas e emprega sen miramentos armas de guerra en zonas poboadas por civís. Nada importa. Nin os dereitos humanos, nin as condicións das persoas atrapadas nas fronteiras, nin a situación daquelas que van ser devoltas e deportadas desde a Unión Europea. Todo vale con tal de que o problema das e dos refuxiados non entre en nós, nas nosas cidades e vilas. 

O problema non é Tusk, agora, como non o era Merkel antes, en relación ás políticas de axuste. Tusk non fala por si, senón en representación do conxunto

As reaccións xeradas diante da decisión dos mandatarios europeos resultan do máis significativas. A dereita aplaude e pide contundencia, sen complexos. A política e a mediática progre, pola súa banda, faise a escandalizada e pon o grito no ceo. Cadaquén no seu papel. Provoca igualmente vergoña allea observar á socialdemocracia, aos seus medios e aos apoloxetas do europeísmo procurar, para salvar o todo, a identificación do problema coa parte. Porque iso é trampa. 

Non dubidamos da repugnancia ética que en persoas como Xavier Vidal Folch (Cuando nos exiliamos, El País, 07/03/2016) han de producir situacións coma esta, mais non podemos por iso deixar de sinalar o que de impostura política teñen a maioría desas reaccións. O problema non é Tusk, agora, como non o era Merkel antes, en relación ás políticas de axuste. Tusk non fala por si, senón en representación do conxunto. Sería simplista negar calquera diferenza entre as políticas progresistas e as máis conservadoras e neoliberais no seo da UE, mais recoñezamos que se ven restrinxidas a ámbitos de actuación moi determinados e que, en calquera caso, son de matiz e non de fondo. Porque o modelo de UE non se toca. A UE realmente existente é esta, e non é reformábel. Un espazo económico radicalmente antidemocrático e antisocial, no que manda o diñeiro e obedece a política, e no que calquera alternativa –sábeo ben Grecia- é penalizada.  Un cadeado normativo para os territorios integrantes, pechado a tentativas transformadoras coa chave do euro. Un mercado común, en definitiva, ao servizo dos intereses do grande capital globalizado, e non un proxecto social e político ao servizo dos pobos e das persoas.

Non dicimos nada novo. Reiteramos simplemente a análise histórica do nacionalismo galego en relación ao proxecto europeísta. Como é sabido, en coherencia con esa análise no BNG mantivemos sempre posicións abertamente críticas e contrarias a este. No 86, opoñéndonos á entrada na CEE. No 92, mobilizando contra o Tratado de Maastricht. En 2005, pedindo o voto contrario no referendo do tratado constitucional. O sinxelo, por certo - e convén tamén dicilo nesta hora- tería sido, en todos eses contextos, adoptarmos unha outra posición, máis ambigua, menos controvertida, mais favorábel ao sentido da corrente. Mais non o fixemos, e as nosas análises fóronse verificando, unha a unha, no decorrer dos anos. 

O debate sobre a natureza reformábel ou non da UE dáse tamén no Estado español. Explicouno ben Arnaldo Otegi o pasado sábado en Donostia, nunha intervención maxistral que convén escoitar e analizar con detemento, polas claves analíticas e discursivas que achega para o actual contexto. Quen pretende desde Madrid, como fai Podemos, que a esquerda nacionalista galega, vasca e catalá (BNG, EH Bildu, CUP, ERC...) renuncie ou subordine o seu proxecto de emancipación, xustiza social e soberanía dos pobos a unha hipotética axenda estatal democratizadora incorre, a mantenta, nunha groseira falta de honestidade. 

Saben ben na metrópole que a liña vermella, a condición realmente intocábel para as elites españolas, é o mantemento da unidade política da España una. Tamén que hoxe  a única opción realista de ruptura democrática no Estado, a única con pobo mobilizado detrás, chámase proceso soberanista catalán. Sábeno, máis igualmente xogan a confundir. Eles, que a nada do seu proxecto político renuncian, pídennos aos demais que renunciemos ao noso, que caiamos na trampa de disociar o social e o nacional, que subordinemos as nosas lexítimas aspiracións á participación –e nin sequera en pé de igualdade- nun proceso político comandado desde Madrid e que, na práctica, reforza o marco estatal e debilita o galego. No político, no ideolóxico e tamén no psico-social. 

Infelizmente hai na Galiza quen se mostra disposto, entra ao xogo e o lexitima. Quen mira máis para Kichi de Cádiz que para Lores de Pontevedra, Paco García de Allariz, Sandra de Tomiño ou Evencio de Carballo. Quen detrás de toda a retórica baleira sobre a política mestiza agocha no innegábel éxito electoral a renuncia a que Galiza teña voz propia, sexa país de seu. 

Nin o Estado español é reformábel, no que a nós atinxe, nin hai outra Unión Europea diferente a esta, sumidoiro moral que pon prezo e mercadea coa vida de millóns

E a pregunta é: por que non á inversa? Por que, se de verdade na nova esquerda española respectan a diversidade nacional do Estado, non son eles quen asumen ese marco e se unen aos procesos constituíntes de cada pobo, recoñecendo de facto a súa soberanía?  Por que non suman coa esquerda independentista vasca ou catalá na súa estratexia transformadora? Ou cando menos, e outorgándolles o beneficio da dúbida, por que non se comprometen a, unha vez verificada a inviabilidade da súa tentativa, apoiaren os procesos populares das nacións sen Estado? Serán capaces de o facer, nesa altura, ou tirarán finalmente o disfrace e mostrarán a faciana coñecida e fraudulenta -o PSOE da Transición, a España plural de ZP- destes casos?

Nós temos a resposta clara. A experiencia e a historia política española (for monárquica, republicana ou franquista) así nolo ensinou. Lasciate ogni speranza, voi ch´entrate. O que consigamos, o que construamos, será desde nós e para outra realidade. Nin o Estado español é reformábel, no que a nós atinxe, nin hai outra Unión Europea diferente a esta, sumidoiro moral que pon prezo e mercadea coa vida de millóns. Infelizmente, non hai atallos. Toca por iso prepararse para a batalla grande, a das ideas, asumindo as dificultades do momento. As persoas que a día de hoxe facemos parte do BNG xogámonos, nos vindeiros meses, que a nosa organización sexa, ou non, unha ferramenta útil e relevante para o noso pobo. Teremos por iso, nos vindeiros meses, moito que debater, mudar, inventar, construír … mais sempre desde nós, e desde a consciencia de estarmos obrigadas a facelo en profundidade, sen trampas e sen medias tintas. Non imos ter moitas máis oportunidades. 

As persoas que a día de hoxe facemos parte do BNG xogámonos, nos vindeiros meses, que a nosa organización sexa, ou non, unha ferramenta útil e relevante para o noso pobo

Ese é o repto. Construírmos colectivamente o novo proxecto político do nacionalismo, un proxecto con vocación de maiorías e capacidade de sumar ao seu redor, sen renunciar ao que nos define, nin ao futuro e a vida digna de todas as persoas nin a decidirmos libremente sobre o noso. Que as frustracións e as dificultades do momento, que as hai e as padecemos, non nos leven á inacción. “Un sente noxo e dor, e quérese ir”, escribira Manuel María, noutro contexto. Moitas e moitos sentimos esa ferida e esa tentación hoxe neste, mais non debemos caer nela. Discutámolo todo, con honestidade, con clareza e con respecto, e mirémonos aos ollos sabendo que o inimigo non é quen comparte con nós xuntanza, debate, traballo. Compartimos, todas, todos, o esencial. Precisamos respirar nunha Galiza e nun mundo diferentes.