Será desta ou para cando? Inercia, inercia, de non cambiar, de seguir facendo o de sempre. Ano tras ano, a busca dun novo persoeiro ou persoeira morta. Non teño nada en contra dos mortos, escritores ou non, todos levamos ese camiño. Por que en vez de realizar unha celebración viva e inspiradora, que abra camiños, forneza renovada enerxía, faga visible a cultura que xa se está a facer e invite a participar e non só a consumir pasivamente, séguese a realizar un ritual litúrxico anual: quen vai ser o morto deste ano? Que fixo? Cantos libros publicou? Fixo abondo para adicarlle un día das letras galegas?  Etc. É esta a mellor maneira de celebrar e promover a literatura e cultura galegas e facer que novas xeracións poidan sentir que é cousa deles, é a súa cultura? Este tipo de celebración foi unha estratexia que naceu nunha época determinada, e nese momento tiña unha razón de ser. Pero xa non ten sentido seguir esta dinámica (non é dinámica, é todo o contrario) de mostrar a literatura e cultura galega como algo que aconteceu no pasado, algo ao que hai que facerlle as reverencias. Por que debemos coñecer a todo escritor galego morto ou vivo? Queremos unha cultura que se viva na rúa ou unha cultura que habite nos museos? Queremos unha cultura que sirva de espazo para crear, repensar o mundo, analisar, discutir, propoñer, dubidar, crear ideas de futuro ou queremos unha cultura para respetar, admirar, renderlle culto a persoeiros? Non vai chegando a hora de celebrar aos vivos, e aos aínda non nacidos, en vez de aos mortos? E non estou falando de adicar o día a escritores individuais, estou falando de prestarlle a atención actividades culturais literarias que xa se están a facer, a accións que xa están acontecendo, a obra por descubrir.

Estes exemplos que indico non son máis que unha modesta proposta apresurada, algúns temas que poderían servir como foco, non se trata só de repasar o xa feito, se non tamén de invitar a crear nova obra, novos traballos, novas ideas, unha invitación a participar:

-Palabras e imaxes: A literatura e o cine.

-Poesía e música. A poesía cantada. Das cantigas ao trap.

-Literatura e novas tecnoloxías.

-Microliteratura

-Representación das mulleres e feminismo na literatura.

-Literatura de viaxes. Novas xeografías.

-Ciencia e ciencia ficción na literatura.

-Sexualidade: liberdade e represión na literatura.

-O mundo da nenez na literatura.

-Emigrantes e inmigrantes na novela.

-Literatura infantil vs literatura para adultos.

É un etc moi longo.