Hai poucos dias, fixéronse 20 anos dende o acordo de unificación monetaria adoptado no seo da UE que deu lugar ao posterior funcionamento do euro nunha boa parte dos Estados integrantes do clube comunitario.

Aquela decisión foi presentada como un salto cualitativo no proceso de construción europea. Alén dos impactos inmediatos provocados na vida das persoas (medidas específicas tomadas polos gobernos estatais para cumprir as condicións macroeconómicas establecidas no protocolo de lanzamento da moeda común e medre dos prezos dun conxunto significativo de bens e servizos de consumo masivo) o euro consagrou a lóxica deseñada polos dirixentes de Bruxelas: a unidade da UE debía priorizar a dimensión económica e, nese ámbito, pivotar sobre a política monetaria máis que sobre outros parámetros relevantes no desenvolvemento do sistema económico.

O Banco Central Europeo foi unha peza básica nesta nova arquitectura: os Estados participantes perdían capacidade decisoria no ámbito monetario e ficaban seriamente restrinxidos na súa soberanía orzamentaria (por mor dos limites fixados para o déficit público). Ao mesmo tempo, a Comisión Europea non quería promover unha suba significativa do orzamento comunitario (situado en cifras que nin sequera se achegaban ao 3% do PIB do conxunto dos Estados) que permitira a concreción dunha axenda efectiva de converxencia social e territorial no seo da UE. A lóxica dominante na instauración do euro non se compadecía, pois, cos designios que figuraban nos documentos fundacionais da vella CEE: a desexada dinámica dunha progresiva equiparación nas condicións de vida e de traballo da cidadanía europea esixía outras alternativas diferentes das que se decidiron polas elites da Unión nos últimos anos do século XX. 

A lóxica dominante na instauración do euro non se compadecía, pois, cos designios que figuraban nos documentos fundacionais da vella CEE

 

Recentemente, Aznar presumía do seu papel na consecución dos requisitos esixidos ao Estado español para a súa entrada no clube do euro. O ideólogo do novo tridente da dereita (PP, C's e Vox) sabe ben o que fixo naquel momento: privatizar a meirande parte das empresas públicas para facer caixa e asegurar a viabilidade das cifras que pedía Bruxelas. Os poderes públicos perderon importantes ferramentas para incidir no tecido económico mentres se fortalecían algúns dos grupos empresariais máis determinantes presentes no territorio español.

A partir do ano 2008 chegou aos paises europeos a crise financeira xerada nos USA. Os impactos son ben coñecidos pola súa intensidade e duración. Os dispositivos deseñados para o nacemento do euro non foron quen de neutralizar os graves efectos sociais provocados, sobre todo nos Estados periféricos da UE. Esa incapacidade orixinou un forte desprestixio das institucións comunitarias e alimentou algúns dos movementos mais reaccionarios e xenófobos aparecidos na última década.

As elites dirixentes teñen pendente facer unha análise autocrítica do sucedido e demostrar se teñen unha verdadeira vontade de traballar nun modelo de construción europea que coloque no centro do seu labor a consecución do benestar social e o recoñecemento da pluralidade identitaria das distintas comunidades participantes nese proxecto.



x