O 28 de Xuño de 1936 forma parte dunha das páxinas mais fermosas da historia galega do último século. Porén, a lembranza daquela consulta popular que aprobou un novo sistema de poder político nacional non forma parte das preocupacións fulcrais da meirande parte das forzas políticas que conforman o actual mapa político do País.

Trinta e oito anos é un tempo suficiente para avaliar a calidade dunha obra humana. O percorrido histórico do actual Estatuto de Autonomía ofrece o material necesario para realizar unha análise das luces e das sombras desta norma básica. A partir desa constatación empírica, resultaría verosímil acometer unha reforma significativa do mesmo sempre e cando existira unha vontade política favorábel á mellora da calidade do autogoberno.

O percorrido histórico do actual Estatuto de Autonomía ofrece o material necesario para realizar unha análise das luces e das sombras desta norma básica

 

Calquera mirada retrospectiva sobre o nacemento do Estatuto galego non debería esquecer as características do mapa político daquel momento. As dúas forzas políticas herdeiras da elite franquista (UCD e AP) dispuñan dun apoio electoral maioritario que traducía un estado de opinión social pouco ou nada esixente a respeito dun marco competencial elevado para as institucións galegas que se deseñaban no novo modelo constitucional. O conxunto do nacionalismo político tiña recibido un nivel de votos moi limitado e ofrecía unha dupla visión diverxente sobre a utilidade da reivindicación estatutaria: dende quen defendía a importancia de mobilizar a cidadanía por unha autonomía de calidade equivalente á establecida no Pais Vasco e Catalunya até quen entendía que o mais procedente era rexeitar calquera fórmula autonomista e postular un pacto confederal das comunidades nacionais que habitaban no Estado español.

O texto sometido ao referendo do 21 de Decembro de 1980 establecía un nivel de autogoberno inferior ao que se contemplaba no dos seus homónimos vasco e catalán a pesar das rectificacións introducidas como consecuencias das masivas manifestacións rexistradas ao remate de 1979. Nesas circunstancias, o inevitábel voto negativo daquela parte do nacionalismo organizado que apostaba por un Estatuto de maior contido privou a esta norma básica dun nivel de consenso político semellante ao que se tiña rexistrado nas outras nacións históricas. Polo demais, as cifras finais do plebiscito certificaron a existencia dunha maioritaria desafección do corpo electoral que non sintonizaba coas mensaxes emitidas polos seus representantes políticos.

A partir de 1981 o desenvolvemento do Estatuto galego padeceu as consecuencias de dous fenómenos simultáneos :a posta en marcha do chamado “café para todos” e a carencia de apoios electorais suficientes para aquelas organizacións políticas que acreditaban na virtualidade do autogoberno. Se a letra da norma tiña relevantes limitacións, o contexto externo e a propia vontade do corpo social neutralizaron unha boa parte das potencialidades contidas na mesma.

Hoxe, a sociedade galega mudou significativamente a súa opinión a respeito do autogoberno.Todos os inquéritos coinciden na existencia dunha maioría que desexa elevar a capacidade de poder das institucións que naceron hai case 40 anos. Os partidos que conforman o actual panorama político galego tamén modificaron algunhas posicións anteriores ou revisaron certas tácticas do pasado. A viabilidade dun acordo sobre un proxecto de reforma estatutario vai depender da capacidade destas forzas para facer unha lectura acaída desa nova vontade social maioritaria en favor dun autogoberno de máximo nivel para o século XXI. Atopámonos, mais unha vez, ante un coñecido dilema nos procesos de transformación social: o desexábel e o posíbel.