A conmemoración dos 40 anos de vixencia da Constitución española foi unha referencia abondosamente citada nas crónicas do ano que vén de rematar. A cifra —case coincidente coa duración da ditadura xurdida do golpe de Estado de Franco— era propicia para facer análises do sucedido nestas décadas e conxeturar sobre hipotéticos horizontes de futuro.

Facendo un percorrido moi sintético do escrito e falado nos últimos meses, cabe constatar unha singular asimetría: o número e intensidade das loubanzas pronunciadas sobre o texto constitucional non gardou relación coa evidente perda de consenso rexistrado entre as forzas políticas que fixeron posíbel a súa existencia.

Repasemos os dados. Daqueles partidos que suscreberon o pacto de 1978 (UCD, PSOE, PCE, AP e a Convergència Democrática dirixida por Jordi Pujol) só o actual PP (que recolleu boa parte dos restos da UCD) e o Partido Socialista reafirman a fidelidade orixinaria. Os sucesores dos outros dous asinantes (IU e PDCAT) defenden hoxe posicións que non encaixan na arquitectura deseñada para o posfranquismo. O caso do PNV é singular: mantén as reservas críticas formuladas hai catro décadas, mais non postula un rexeitamento global daquel cadro institucional.

Daqueles partidos que suscreberon o pacto de 1978 só o actual PP (que recolleu boa parte dos restos da UCD) e o Partido Socialista reafirman a fidelidade orixinaria 

 

Ademais destas mudanzas, concorren outras circunstancias significativas que incrementan a devaluación do pacto constitucional. O PSOE de Pedro Sánchez afirma con certa reiteración a súa vontade de promover a reforma da “lei de leis” por máis que non delimite con precisión o alcance dos cambios desexados. E o PP está pasando da negativa teimuda de Rajoy a calquera revisión da letra da “Carta Magna” —a pesar de que, no seu día, Fraga anunciara a súa disposición a modificar o título VIII porque lle resultaba excesivamente autonomista…— ao verbalismo anticonstitucional de Casado (a reiterada petición da aplicación contundente e ilimitada no tempo do artigo 155 supón a eliminación do autogoberno de Catalunya e unha suspensión práctica do Estado das autonomías). Para máis inri, Aznar, Casado e Rivera estanse especializando en repartir carnets de constitucionalismo nos que xa non inclúen os “traidores” socialistas que elexiron Sánchez como secretario xeral.

Os novos partidos xurdidos a partir de 2014 carecen dos compromisos fundacionais da hexemonía administrada polo binomio PSOE-PP nas últimas décadas e realizan propostas de cambio de diferente dimensión e cunha orientación diverxente. A conclusión resulta evidente: no universo da elite política a Constitución deixou de ter a capacidade de consenso que exhibiu durante a meirande parte da súa vida. E que sucede no corpo social? Nese caso, os resultados non son tan nidios porque operan factores xeracionais e territoriais moi relevantes.

O PSOE de Pedro Sánchez afirma con certa reiteración a súa vontade de promover a reforma da “lei de leis” por máis que non delimite con precisión o alcance dos cambios desexados

 

Atopámonos, pois, ante unha situación que non ten unha saída practicabel a curto prazo. O edificio constitucional precisaría arranxos estruturais para enfrontar os importantes problemas presentes na vida política (Catalunya e a configuración territorial; as fendas entre o poder xudicial e os outros poderes do Estado; a insuficiente calidade democrática na elección e funcionamento das institucións representativas...) mais non existe o nivel de acordo requirido para semellante tarefa. A dificuldade é aínda maior se nos fixamos nas porcentaxes establecidas no texto constitucional para viabilizar a súa modificación. Certamente, os “pais” da criatura fixeron un traxe tan ríxido que agora non admite tratamentos flexíbeis. Algúns, hai 40 anos, dixemos que a Constitución non era un ponto de partida, senón un ponto de chegada. Mágoa que acertasemos nese prognóstico.



x