A pesar de que o interesado nunca o recoñecía, Alberto Núñez Feijóo figuraba en todos os prognósticos que se formulaban de cara á sucesión de Mariano Rajoy. Agora, consumada a retirada do ex-presidente do goberno central por mor da moción de censura presentada por Pedro Sánchez, todas as miradas converxen no político dos Peares. Só fica pendente a confirmación oficial da súa candidatura á presidencia estatal do PP.

Con todo, as cousas non van suceder como estaban previstas, seguramente, na cabeza do inquilino de Montepío. A secuencia agardada era a seguinte: aprobados os orzamentos do ano 2018, o goberno de Rajoy continuaría até o remate de 2019 -ou comezo de 2020- e, nese momento, habería un relevo organizado que colocaría a Feijóo como candidato no cartel electoral do seu partido. Unha transición organizada dende o poder. Finalmente, a folla de ruta vai ser diferente: antes de que remate o mes de xullo terá lugar un Congreso extraordinario do PP para elexir á nova equipa dirixente e, xa que logo, o actual presidente da Xunta deberá conseguir, con urxencia, os apoios necesarios para acadar o obxectivo desexado. E facer todo iso nun contexto presidido polo abandono obrigado dos despachos oficiais en Madrid.

As incógnitas están servidas. Utilizará Rajoy a súa capacidade de influencia para que exista unha única candidatura ou deixará que se rexistre unha competición entre diversas alternativas? A resolución desta dúbida será moi relevante para o futuro da opción Feijóo. Se comparecen na disputa persoas como Ana Pastor ou Iñigo de la Serna, a incertidume do resultado final será moito maior que a provocada pola eventual presenza de Cospedal e Saenz de Santamaría e obrigará a unha maior asunción de riscos por parte do dirixente galego.

Utilizará Rajoy a súa capacidade de influencia para que exista unha única candidatura ou deixará que se rexistre unha competición entre diversas alternativas?

 

Afeito a ver pasar trens polo seu lugar de nacemento, Alberto Núñez deberá decidir nos vindeiros días se colle o derradeiro comboio da súa vida política. Se o fai e consegue chegar á estación da rúa Génova aínda lle quedará unha travesía non menos complicada: gañar o suficiente nivel de confianza entre un electorado que vai ter outras referencias moi potentes nos espazos políticos e sociais mais próximos (Albert Rivera e Pedro Sánchez). A Moncloa fica máis lonxe do que parece. E Feijóo non vai ter o nivel de benevolencia mediática que coñeceu dende que retornou -no ano 2003- á primeira liña da política galega.

Feijóo non vai ter o nivel de benevolencia mediática que coñeceu dende que retornou -no ano 2003- á primeira liña da política galega

 

En calquera caso, sexa cal sexa a opción adoptada, resulta lóxico pensar que o PPdG deberá cambiar de candidato para as vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo. E iso constitúe unha variábel moi significativa que pode modificar a relación de forzas que coñecemos dende hai tanto tempo no noso País.
 



x