Nuns poucos días converxeron dous feitos moi ilustrativos a respecto das relacións entre os poderes económicos e os gobernos: o anuncio de ALCOA do peche das súas instalacións podutivas na Coruña —e Avilés— e a confirmación da venda da participación accionarial que posúe ABANCA na empresa concesionaria da AP-9.

 

Considerar estes asuntos dende o punto de vista analítico do cumprimento da legalidade vixente sería dun simplismo digno de mellor causa. O criterio avaliador debe ser outro. No ideario teórico que, habitualmente, din asumir este tipo de entidades figura a chamada “Responsabilidade Social Empresarial (RSE)”, quer dicer, o presunto compromiso permanente desas organización lucrativas coa sociedade da que forman parte e que debe ir mais alá do obvio respecto pola legalidade vixente. Xa que logo, non se discute a potestade xurdídica de ALCOA e ABANCA para adoptar medidas que afecten á continuidade das actividades que veñen realizando. O que se trata de xulgar é o impacto das decisións adoptadas no corpo social que posibilitou —coa súa forza de traballo e coa súa capacidade de consumo— a pervivencia e/ou a rendabilidade de semellantes empresas.

 

Os dados resultan indiscutíbeis. A multinacional ALCOA participou na privatización do grupo INESPAL —decidida polo goberno Aznar no ano 1998— nunhas condicións moi favorábeis e obtivo, nos últimos anos, importantes axudas públicas para poder optimizar os seus resultados. ABANCA, como é sabido, naceu como consecuencia da adquisición —por case 1.000 millóns de euros-—de Novagaliciabanco —herdeiro das históricas Caixa Galicia e Caixanova— despois de que o FROB gastase mais de 9.000 millóns no saneamento financeiro destas entidades.

 

O que se trata de xulgar é o impacto das decisións adoptadas no corpo social que posibilitou —coa súa forza de traballo e coa súa capacidade de consumo— a pervivencia e/ou a rendabilidade de semellantes empresas

 

Estamos, pois, ante un comportamento empresarial que non se compadece coas débedas históricas contraídas coa sociedade galega. Pechar o centro produtivo da Coruña ou abandonar o núcleo decisional da principal infraestrutura viaria, representan exemplos descarnados da práctica da coñecida lóxica da maximización dos beneficios privados sexa cal sexa o custe social derivado da mesma.

 

Cando unha multinacional como ALCOA fai acto de presenza no tecido produtivo dun Estado ou dun pais, os gobernos correspondentes deberían fuxir dos relatos triunfalistas que só ven as oportunidades asociadas a esa aterraxe. Preparar os dispositivos para diminuir as consecuencias negativas dunha eventual retirada do territorio non é doado mais require, como mínimo, un nivel de información que non se deu neste caso. Nin na Moncloa nin en Montepío sabían das intencións da empresa nordeamericana. Ben mirado, se Núñez Feijoo non é quen de convencer os diretivos de ABANCA sobre a comenencia do mantemento no accionariado da concesionaria da AP-9, moito menos cabe imaxinar algunha capacidade de incidencia sobre os que toman as decisións nos despachos de Pittsburgh.

 

Cando unha multinacional como ALCOA fai acto de presenza no tecido produtivo dun Estado ou dun pais, os gobernos correspondentes deberían fuxir dos relatos triunfalistas que só ven as oportunidades asociadas a esa aterraxe

 

O volume da perda de postos de traballo involucrados nas ameazas de ALCOA e a proximidade das citas electorais ten provocado unha chamativa unanimidade no universo político. Se non fora polo medo ao hipotético custe electoral, a posición do PP —e tamén de C's— debería ser diferente. Os economistas de cabeceira de Pablo Casado e de Albert Rivera militan no dogmatismo liberal que rexeita regulacións e subsidios. Para a lóxica que inspira o seu pensamento, a multinacional actúa con total coerencia. Pero os seus xefes políticos non se poden presentar ante os votantes con eses argumentos. Liberais, si, pero a vaquiña electoral polo que vale.

 

A recente decisión tomada polo presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo paralizando a sentenza contraria aos intereses da banca convida a considerar a pertinencia dunha revisión da tradicional estrutura dos poderes que conforman a arquitectura dun sistema democrático —lexislativo, executivo e xudicial— para engadir dous cada vez mais relevantes na vida pública: o económico e o mediático.

 


 



x