Que ocorrería se a sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel se coñecese o pasado día 21? Apoiarían Cidadáns e o PNV os orzamentos presentados polo goberno Rajoy?

De dúas, unha: ou todo foi unha azarosa coincidencia temporal ou alguén coordenou os reloxos do poderes lexislativo e xudicial para evitar incómodos solapamentos que alimentasen decisións irreversibeis de grande alcance político. En todo caso, non é desatinado pensar que Albert Rivera e Urkullu eran conscientes de que, 24 ou 48 horas despois do balón de osíxeno proporcionado ao PP gobernante, ía transcender unha decisión xudicial previsíbelmente demoledora para a reputación de Mariano Rajoy e do seu partido. Sabedores desa hipótese moi verosímil, talvez preferisen a continuidade dun executivo sometido a un insoportábel proceso agónico.

Zaplana primeiro e a Gurtel despois certificaron a dimensión da penitencia que debe pagar o PP por renunciar á vía das responsabilidades políticas na loita contra a corrupción e colocar todos os ovos na cesta das actuacións xudiciais. A curto prazo, as vantaxes desa estratexia eran indiscutíbeis: todo o mundo seguía nos seus postos e utilizábanse coa máxima intensidade as prerrogativas asociadas á lóxica dos contenciosos xurídicos (presunción de inocencia, reclamación das garantías procesais, recurso á mentira como arma defensiva). Como, ademais, a administración xudicial padece unha endémica falta de dilixencia -en moi boa medida por falta de recursos humanos e materiais- os posíbeis efeitos negativos da opción elixida nos despachos da rúa Génova dilataríanse moito e cecais perdesen boa parte da súa carga tóxica.

Zaplana primeiro e a Gurtel despois certificaron a dimensión da penitencia que debe pagar o PP por renunciar á vía das responsabilidades políticas

 

Os cálculos dos dirixentes do PP fracasaron totalmente. Apostar, exclusivamente, pola xudicialización da vida política provocou que vaian estoupando varias “bombas” de efecto retardado, colocando á defensiva a quen afirmaba que estabamos ante unhas poucas “mazás podres” no cesto virtuoso dos cadros políticos que administraron diversas comunidades autónomas e concellos.

Para atopar un axeitado contexto explicativo da moción de censura presentada polo PSOE é necesario recorrer aos resultados do recente inquérito do CIS (ademais doutros traballos demoscópicos) para constatar que estamos ante unha nova estrutura do mapa eleitoral. A diferenza do que ocorreu nas últimas décadas, agora semellan existir poucos vasos comunicantes entre os electorados do PP e do PSOE: o que perde o PP xa non vai, primordialmente, ao PSOE e á abstención senón ao partido de Rivera. E, ademais, a formación laranxa está captando un certo número dos votantes que abandonan a forza que actualmente lidera Pedro Sánchez. Pola outra banda do escenario, Unidos Podemos e as confluencias manteñen, con pouco desgaste, a posición obtida no 2016 e non se percibe o coñecido fenómeno do “voto útil” cara o PSOE. Para este partido, a situación é preocupante: a pesar da notábel erosión que padece o goberno de Rajoy e das manifestacións de protesta que se rexistran no tecido social, non é quen de xerar unha expectativa consistente que, ademais, capitalice a importante participación que teñen en varios gobernos autonómicos e locais. Por iso precisa colocar a Rivera ante o espello das suas incoerencias e sinalalo como responsábel da continuidade do corrupto PP nas institucións estatais.

Pola outra banda do escenario, Unidos Podemos e as confluencias manteñen, con pouco desgaste, a posición obtida no 2016 e non se percibe o coñecido fenómeno do “voto útil” cara o PSOE

 

O momento demoscópico doce que está vivindo Cidadáns ten unha explicación multicausal: a corrupción estrutural que padece o PP, a polarización derivada da dinámica política catalana e a presenza destacada do factor xeracional no comportamento electoral. A imaxe de Rivera conecta con sectores de votantes do partido de Rajoy -de idades inferiores aos 55 anos- que xa non aturan o catálogo diario de escándalos e que ademais posúen unha identidade nacional española que desexan afirmar fronte á declaración unilateral de independencia que se visualizou en Catalunya. Se ademais, a historia desta forza carece de experiencias gobernamentais importantes que permitan contrastar a distancia que vai das promesas á realidade, péchase o círculo da virtuosa propaganda laranxa.

Os últimos triunfos de M. Rajoy foron debidos aos erros e incapacidades dos adversarios e non tanto aos acertos propios. Hipotecado xudicialmente, illado parlamentariamente, non foi quen de sobrevivir á moción de censura promovida por Pedro Sánchez. O finiquito político do líder do PP xa é unha realidade. O futuro do PP está por escreber.