Observando a metodoloxía desenvolvida nas recentes negociacións entre PSOE e Unidas Podemos, estaba matinando na posibilidade de que Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana enviasen un dossier a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias explicando, documentadamente, o que sucedeu no ano 2005, nas semanas previas á consecución dun pacto entre PSdG e BNG para gobernar conxuntamente a Xunta de Galiza.

Ben sei que as situacións, en xeral, non son comparábeis. A envergadura da Administración concernida é diferente. Podemos -a parte principal da coalición UP- é unha organización con moi poucos anos de vida e con experiencia limitada en gobernos de coalición co Partido Socialista no ámbito municipal. Ademais: non hai precedentes desas fórmulas de goberno a nivel estatal (asignatura pendente do sistema político español dende 1977). Con todo, na experiencia galega do 2005, tamén había retos específicos aparentemente complicados: o BNG era unha organización política que non participara no consenso constitucional e que nunca tivera a oportunidade de formar parte do goberno da Xunta. Había, certamente, colaboracións previas entre as dúas forzas no goberno conxunto dalgúns concellos relevantes pero os resultados ofrecían luces e sombras a respecto do comportamento mutuo e dos resultados acadados.

No acordo entre PSdG e BNG de hai 14 anos, a casa non se comezou polo tellado: primeiro foi a concordancia programática e logo veu todo o demais. Un exemplo que deberían imitar Sánchez e Iglesias

A metodoloxía utilizada durante o mes de xullo de 2005 non foi especialmente orixinal: primeiro elaborouse un programa de goberno conxunto -con algunhas inevitábeis formulacións xenéricas que deberían ser acotadas no propio desenvolvemento da xestión gobernamental- e despois acordouse un reparto de responsabilidades executivas nas diferentes consellarías. O pouco tempo dispoñíbel -algo mais dun mes dende a celebración dos comicios- non permitiu acometer unha remodelación substancial do organigrama establecido durante os mandatos de Manuel Fraga.

Tal e como demostrou a traxectoria posterior, o acordo constitutivo do goberno era unha condición necesaria pero non conxuraba definitivamente o risco dunha dinámica de competición destrutiva entre as partes. A existencia de organismos e protocolos pensados para neutralizar ese perigo -derivado da tentación hexemonista do socio maioritario e da prevención defensiva do minoritario para non ser fagocitado- conseguiron diminuír a gravidade dos conflitos pero non foron quen de eliminalos completamente (co conseguinte custe electoral pagado nas eleccións do ano 2009).

En todo caso, pódese afirmar que no acordo entre PSdG e BNG de hai 14 anos, a casa non se comezou polo tellado: primeiro foi a concordancia programática e logo veu todo o demais. Un exemplo que deberían imitar Sánchez e Iglesias.