A práctica que desenvolven os partidos políticos -sobre todo nos momentos preelectorais- é consecuencia, normalmente, da interacción de dous parámetros básicos: os idearios proprios de cada organización e os estados de opinión presentes no corpo social. Noutras palabras: trátase de buscar a maior conexión da “oferta” partidaria coa “demanda” existente no electorado.

 

Pablo Casado puxo patas para arriba boa parte dos contidos e das formas fabricadas polo “marianismo”

 

Pablo Casado puxo patas para arriba boa parte dos contidos e das formas fabricadas polo “marianismo”. O seu relato principal está construído sobre unha falsidade e unha “boutade” non xustificada pola súa mocidade e/ou precariedade académica. Reiterar obsesivamente que a moción de censura foi o froito dun pacto entre Pedro Sánchez e o independentismo catalán bateu estrepitosamente coa proba do nove do recente fracaso gobernamental na tramitación dos orzamentos xerais do Estado. Concluír, a partir de tal mentira, que a presidencia de Sánchez carece da lexitimidade esixíbel a tal cargo completa o despropósito radical no que se instalou o máximo dirixente do PP.

 

A situación en Catalunya ocupa un lugar prioritario nas propostas de Casado. Rexístrase, neste caso, unha notábel asimetría entre a importancia outorgada a este problema nas enquisas do CIS (non figura entre o tres máis destacados polas persoas consultadas) e o volume e a intensidade das mensaxes emitidas polos dirixentes da rúa Génova. O que puxeron enriba da mesa -aplicación por un tempo indefinido e con maior dureza do artigo 155 da Constitución- suscita serias dúbidas sobre o seu encaixe legal ( lémbrese que aínda está pendente un pronunciamento do Tribunal Constitucional a respecto da decisión tomada polo goberno de Rajoy en outubro de 2017) e moitas máis aínda sobre a pertinencia estritamente política de semellante opción.

 

Pablo Casado pretende un adanismo político imposíbel

 

Pablo Casado pretende un adanismo político imposíbel. A súa participación nos “estados maiores” de Aznar e de Rajoy deberíalle proporcionar plena consciencia sobre as graves responsabilidades políticas derivadas da corrupción cronificada no seu partido e obrigarlle a recoñecer o dato indiscutíbel do medre exponencial do independentismo na sociedade catalá durante os catro anos de maioría absoluta do PP, a partir do outono de 2011. A historia ofrece paradoxos coma este: se, despois da sentenza do caso Gurtel, M. Rajoy tivera dimitido ou convocado eleccións -como lle pedía, entre outros, Pedro Sánchez- posibelmente Casado non chegaría onde hoxe está.

 

Entre as incógnitas que resolverá a cita do vindeiro 28 de Abril hai unha que ocupará un espazo relevante na atención das análises posteriores: cómo recibirá o electorado minguante do PP os cambios que emanan do seu novo núcleo dirixente? Vivirán con comodidade esa estratexia de “gañar perdendo”, unindo o seu destino a Vox e Cidadáns? Que lonxe semellan quedar aqueles tempos nos que demonizaban os “pactos de perdedores” cando as esquerdas e os nacionalistas completaban maiorías parlamentarias para gobernar.

 



x