Neste pasado mes de Xullo, cumpríronse vinte anos dun feito de especial relevancia. Efectivamente, no verán de 1998, CiU, PNV e BNG acordaron actualizar as vellas alianzas de Galeusca e subscreberon a chamada “Declaración de Barcelona” na que se apostaba por unha reforma substancial do texto constitucional ou, no seu defecto, por unha nova lectura da “lei de leis” que permitise un maior desenvolvemento do autogoberno nas tres nacións históricas recoñecidas explicitamente na Constitución de 1978.

 

Naqueles meses concorreron un conxunto de circunstancias que alimentaban certas expectativas favorábeis a un cambio na cultura política dominante no ámbito do Estado español: o medre espectacular experimentado polo BNG (segunda forza política nos comicios ao Parlamento galego do mes de Outubro de 1997), as boas relacións de Aznar —cando falaba catalán na intimidade— con CiU e PNV e o inicio dunha tregua de ETA acompañada de contactos co goberno do PP. Semellante contexto fixo posíbel, sen dúbida, o nacemento dun novidoso acordo político que, formulado 20 anos despois da aprobación da Constitución española, ofrecía unha ambiciosa proposta de diálogo para promover unha nova cultura no tratamento das cuestións territoriais que facilitara unha posterior mudanza da norma básica. Nos primeiros momentos, os documentos incorporados á “Declaración de Barcelona” suscitaron un amplo interese en sectores significativos da opinión pública de Euskadi, Catalunya, Galiza e tamén do resto do Estado.

 

Lamentabelmente, a situación  política variou  radicalmente en poucos meses. A esperanza do remate da violencia no Pais Vasco naufragou no ano 1999 e as eleccións xerais do 2000 consagraron unha maioría absoluta aznarista que mudou totalmente o panorama político estatal: abriuse un período de forte ofensiva recentralizadora e de ruptura de case todas as pontes de entendemento do PP coas formacións nacionalistas —CiU e PNV— que apoiaran a súa investidura no ano 1996.

 

Naqueles meses concorreron un conxunto de circunstancias que alimentaban certas expectativas favorábeis a un cambio na cultura política dominante no ámbito do Estado español

 

A dupla coincidencia da chegada de Pascual Maragall á presidencia da Generalitat e o trunfo imprevisto de Zapatero en Marzo de 2004 —coa súa coñecida apelación á “España plural”— fixeron pensar na viabilidade do camiño postulado na “Declaración de Barcelona”. A reforma do Estatut, promovida pola maioría das forzas políticas catalanas, semellaba certificar a verosimilitude de tal prognóstico mais a sentenza do Tribunal Constitucional, por mor dun recurso presentado polo PP, representou unha grave involución nese proceso. Nos anos posteriores, como é sabido, o independentismo experimentou un medre moi forte no seo do corpo social catalán e tal fenómeno incidiu decisivamente na dinámica política do resto do Estado. 

 

Comparando a situación actual coa que existía hai dúas décadas, as variacións son moi visíbeis na posición relativa que ocupan algunhas das forzas asinantes daquel acordo: CiU desapareceu como tal e foi substituída por un PDeCAT —ou por JpC— que perdeu parte do seu espazo electoral en favor de ERC e o BNG diminuiu notabelmente a súa fortaleza nas urnas. Ademais, existiu outro cambio moi importante: a opción independentista adoptada pola vella Convergència fixo obsoleta, de facto, a proposta de reconfiguración federal ou confederal que contiña a Declaración de 1998. O PNV e o BNG postulan fórmulas específicas de construción nacional que non concordan coa folla de ruta —nos contidos e nos prazos— que foi establecida polo independentismo catalán no outono de 2017. Diversas declaracións realizadas polo lehendakari Urkullu nos últimos meses confirman a magnitude do distanciamento operado entre organizacións que dispoñen dunha indiscutíbel incidencia social. 

 

Mais alá da súa inviabilidade práctica durante todo este tempo, a “Declaración de Barcelona” ficará como unha proposta construtiva para quen desexen buscar novas fórmulas de convivencia entre as identidades nacionais que conforman o actual Estado español.