Durante moitos anos, o aniversario da aprobación da actual Constitución española ficou convertido -nos ámbitos políticos e mediáticos hexemónicos- nunha cerimonia de apoloxía das grandes virtudes que posuía esta norma básica sen que fixesen acto de presenza consideracións relativas ás carencias da mesma ou aos efectos negativos que provocaba o paso do tempo.

Durante todo ese amplo período, case non se escoitaron voces que postulasen un cambio significativo no marco deseñado naquel lonxano 1978. Mais alá das posicións críticas formuladas reiteradamente por diversas formacións políticas que non participaron no acordo subscrito nas Cortes saídas dos comicios de 1977 (recapitulemos: a esquerda “abertzale”, o nacionalismo galego e as organizacións que conformaban a chamada extrema esquerda de ámbito estatal), haberá que agardar á coñecida como Declaración de Barcelona (asinada en 1998 polo PNV, CiU e BNG) para atopar unha manifestación favorábel á reforma constitucional avalada por grupos representativos de sectores relevantes das sociedades vasca, galega e catalá.

Haberá que agardar á coñecida como Declaración de Barcelona (asinada en 1998 polo PNV, CiU e BNG) para atopar unha manifestación favorábel á reforma constitucional avalada por grupos representativos

A partir do ano 2010 vívironse tres dinámicas novidosas que alteraron o estado da cuestión. O agravamento moi visíbel da crise económica (e as coñecidas consecuencias na perda de benestar na maioría da poboación); o estoupido dun movemento de protesta (bautizado como 15-M), que permitiu constatar a existencia dun notábel cuestionamento do funcionamento do sistema político en amplos sectores da mocidade, e o medre do independentismo catalán até niveis nunca antes coñecidos, provocaron que perdera forza progresivamente o tabú da inmutabilidade da Constitución. Ademais, o cambio do artigo 135 realizado sen consulta ao corpo electoral mediante un acordo “express” entre o PSOE e o PP por imposición dos dirixentes da UE, certificou definitivamente a caída do mito. A norma non era intocábel.

A esta altura, co novo mapa parlamentar debuxado nas eleccións xerais dos anos 2015 e 2016, as posicións están mais delimitadas: entre os partidos do pacto constitucional só o PP mantén unha negativa reiterada a que se abra un proceso de cambio constitucional. Os demais -o PCE (agora integrado en Unidos Podemos), a vella CDC (agora PDeCAT) e o Partido Socialista- aceitan discutir, con diversas ópticas programáticas, os termos dun eventual novo marco xurídico-político. As formacións xurdidas nos últimos anos (Podemos, En Marea, Compromís, Catalunya en Comú, Cidadáns) manteñen unha disposición favorábel ao debate sobre este asunto. Outra cousa é a diverxencia notoria que se percibe, por exemplo, cando o partido de Rivera colle a bandeira da recentralización na estruturación territorial do Estado.

O cambio do artigo 135 realizado sen consulta ao corpo electoral certificou definitivamente a caída do mito

O pacto do 78 estableceu, deliberadamente, unhas condicións moi ríxidas para realizar modificacións constitucionais de certa fondura. As maiorías reforzadas que se requiren converten, de facto, o PP nun árbitro decisivo de calquera proxecto renovador. Atopámonos, pois, ante un dilema de moi complicada resolución: a desexábel mudanza que permitiría acadar un encaixe máis satisfactorio das identidades nacionais e das demandas asociadas a un maior benestar público non resulta posíbel porque non existe a forza social e política suficiente para viabilizar tal obxectivo no curto prazo. A correlación de forzas actualmente existente daría, previsibelmente, para unha reforma moi pouca ambiciosa protagonizada por PP, PSOE e Cidadáns e, xa que logo, incapaz de estabelecer un consenso sólido para as vindeiras décadas.