A normativa legal vixente permite que a persoa que preside un goberno dispoña da capacidade para disolver a Cámara parlamentaria e convocar novas eleccións. O exercicio desta prerrogativa tense convertido nunha liturxia demostrativa da exuberante erótica do poder que caracteriza á meirande parte dos que ofician semellante rito.

Alberto Núñez Feijoo fixo unha exhibición impúdica do pracer que sentiu  tomando unha decisión dese alcance sen que ninguén soubera cal ía ser a opción final elixida. Obviamente, a cerimonia inclúe a explicación retórica posterior: o 25 de Setembro haberá eleccións ao Parlamento galego porque é o mellor para o País. Así, con todas as letras. A coincidencia coa data previamente fixada polo lehendakari Urkullu resulta unha circunstancia secundaria porque o presidente-candidato sabe distinguir o óptimo do que non o é.

Alberto Núñez Feijoo fixo unha exhibición impúdica do pracer que sentiu  tomando unha decisión dese alcance sen que ninguén soubera cal ía ser a opción final elixida

Se Feijoo quería convocar os comicios en Outubro –mais concretamente o día 2 para non coincidir co “Domingo das Mozas” do San Froilán ou co comezo do período da caza-, por qué non o fixo antes que o presidente vasco? Por unha razón que non vai recoñecer en público:porque estaba pendente do calendario político estatal e da eventual celebración dunhas terceiras eleccións xerais no remate de Novembro.Nese caso, faría coincidir a cita galega coa estatal para obter un “bingo” electoral completo.Non é certo que o candidato do PPdG priorice a consolidación dun marco electoral diferenciado na Galiza. Estivo, todo o tempo, coa calculadora na man para atopar a data mais favorábel aos seus intereses.Nada sorprendente pero tampouco nada épico e moito menos ético.

Alguén podería retrucar cunha pregunta pertinente:e por qué non as convocou para o pasado 26 de Xuño? Porque estaba moi preocupado pola importante caída sufrida polo PP nas circunscricións galegas o pasado 20 de Decembro e porque pensaba que a compañía de Rajoy nas urnas ía ser mais tóxica do que finalmente resultou.Visto o visto, cabe imaxinar que estará arrepentido de non ter apostado por aquela coincidencia.

Núñez Feijoo conta con dúas circunstancias conxunturais favorábeis:a febleza que presentan as forzas da oposición por mor da acumulación de diversos erros e deficiencias

Ademais das fortalezas tradicionais do PPdG (sólida estrutura organizativa, mantemento de notábeis mecanismos clientelares, influencia hexemónica nos principais medios de comunicación), Núñez Feijoo conta con dúas circunstancias conxunturais favorábeis:a febleza que presentan as forzas da oposición por mor da acumulación de diversos erros e deficiencias e a propia situación pola que atravesa a vida política no Estado.A eventual investidura de Rajoy grazas á abstención do PSOE ou a conclusión dunha inevitábel repetición electoral no inverno suporán incentivos adicionais para a mobilización dos votantes potenciais do PP.Só a hipotética conformación dun goberno apoiado polo PSOE, Unidos Podemos, as confluencias (“En Comú Podem”, “En Marea” e “A la valenciana”) e as forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya podería reforzar ás organizacións que aspiran a derrotar ao actual presidente da Xunta.

De todas as declaracións formuladas nestes días, hai unha que resulta totalmente verosímil:aquela na que Feijoo afirma que, no seu caso, non encabezaría a oposición parlamentaria.Para el, o 25-S é un plebiscito sobre a súa figura.Se non acada os 38 escanos, o estrepitoso fracaso provocará a súa retirada da política.O corpo electoral ten a palabra.