O BNG celebrou a súa Asemblea Nacional sen alterar os prognósticos formulados a raíz do coñecemento das posicións defendidas polos distintos sectores da organización. A maioría dos 1.500 asistentes non quixeron buscar un espazo de consenso entre as propostas diverxentes que estaban en discusión. A mensaxe da nova voceira nacional resulta, ao cabo, notabelmente paradoxal: postula un futuro acordo electoral con forzas nacionalistas –rexeitando calquera hipótese de negociación con outras formacións da esquerda de ámbito estatal- despois de non ser quen de atopar un denominador común no seo do propio Bloque. Cando unha organización atravesa graves dificultades electorais necesita establecer e/ou fortalecer un acordo básico no seu interior se pretende enfrontar, con algunha garantía de éxito, semellante situación crítica. Neste sentido, o resultado desta Asemblea certifica a relevancia dun fracaso que pode ter importantes consecuencias no futuro inmediato.

Era imaxinábel, hai 3 ou 4 anos, que o voceiro galego do PP emitira unha mensaxe con desexos de sorte e de “recuperación da identidade” aos novos dirixentes elixidos nunha Asemblea do BNG?

Para quen tivera dúbidas sobre as mudanzas que se están rexistrando na política galega dende hai algúns meses, a reacción pública do PPdG ante esta cita asemblearia do BNG proporciona un indicio informativo realmente significativo.

Era imaxinábel, hai 3 ou 4 anos, que o voceiro galego do PP emitira unha mensaxe con desexos de sorte e de “recuperación da identidade” aos novos dirixentes elixidos nunha Asemblea do BNG? Que faría daquela o PPdG se tivera que avaliar un encontro da organización nacionalista no que se aprobaran resolucións pedindo a liberdade de Otegi e apoiando o proceso independentista de Catalunya? Por moito menos que iso, os responsábeis do PP e as súas terminais mediáticas emprenderon, no seu momento, intensas campañas de criminalización da fronte nacionalista.

A explicación a esta novidosa e sorprendente exhibición de “buenismo” a respecto do BNG hai que buscala na desesperación que debe estar invadindo os despachos de Feijóo e da súa equipa. Cheiran a derrota nos comicios ao Parlamento do Hórreo e queren aproveitar as oportunidades que lle ofrecen os seus adversarios. Se poden contribuír á división do voto que se move no espazo da Marea e do BNG, moito mellor. Evitar a optimización que se derivaría dunha confluencia multiplicadora entre os segmentos nacionalistas e aqueles sectores da esquerda estatal ubicados á marxe do PSOE, é un obxectivo da máxima prioridade para os que manexan o aparato “popular”.

“Divide e vencerás” é unha vella máxima que xa foi utilizada por Feijóo na campaña que precedeu aos comicios do ano 2012

“Divide e vencerás” é unha vella máxima que xa foi utilizada por Feijóo na campaña que precedeu aos comicios do ano 2012. Naquela conxuntura, a comparecencia de AGE e de CxG –opcións creadas a partir da división nacionalista provocada pola Asemblea de Amio- facilitaba a execución de semellante táctica. Agora quere reeditar a experiencia para obter un resultado satisfactorio. Conseguirá facer realidade semellante pretensión? A pesar de que o desgaste electoral do PP é, agora, sensibelmente superior ao que existía hai tres anos, todo vai depender dos acertos e dos erros que cometan as forzas políticas da oposición. A carencia dun liderado consistente no PSdG, as liortas e incertidumes que se rexistran no seo da Marea e as decisións adoptadas na recente Asemblea do BNG provocan, a esta altura, mais desacougo do que sería desexábel. Está en xogo a continuidade da prolongada hexemonía electoral do PPdG. Que ninguén esqueza esta circunstancia. Non se poderá alegar ignorancia para fuxir das responsabilidades ante un eventual fracaso.