Calquera iniciativa ou declaración que pretenda converter a recente sentenza da Audiencia Nacional sobre as indemnizacións recibidas por algúns directivos de Novacaixagalicia


Calquera iniciativa ou declaración que pretenda converter a recente sentenza da Audiencia Nacional sobre as indemnizacións recibidas por algúns directivos de Novacaixagalicia nunha sorte de punto final que cancele todo o vivido a respecto das Caixas galegas debería merecer unha resposta contundente por parte dos sectores mais críticos do corpo social. O sucedido con aquelas entidades financeiras foi demasiado amplo e transcendental como para reducilo ao veredicto dun proceso xudicial centrado exclusivamente  nun determinado capítulo de toda esa triste historia.

Existe un elevado consenso á hora de avaliar o relevante papel que podían xogar as Caixas galegas na dinámica económica e financeira do País. Onde comezan as diverxencias é na análise dos factores causantes da súa desaparición. Resulta comprensíbel o disenso porque estamos diante da radiografía dos poderes que inciden de xeito decisivo no desenvolvemento económico da sociedade galega. Non se pode entender a desfeita das Caixas sen recoñecer o efecto combinado de tres vectores básicos: a explícita vontade do lobby bancario español por conseguir a importante cota de mercado que manexaban Caixanova e Caixagalicia; o incumprimento do labor de vixiancia e control atribuído pola lexislación ao Banco de España e á Consellaría de Economía da Xunta e a suicida xestión practicada polas equipas directivas que capitaneaban Méndez e Gayoso. Se estes perverteron a súa teórica función de administradores dunhas institucións de natureza social e actuaron coma se foran os donos dunhas empresas financeiras que carecían de escrúpulos para navegar polo océano da burbulla inmobiliaria, foi porque as autoridades políticas miraron para outro lado e non quixeron activar algúns mecanismos de defensa que racharan o grande clima de compracencia social que se respiraba a respecto destas entidades.

A transparencia segue sendo unha asignatura pendente no episodio das Caixas. Nos xulgados, os encausados teñen dereito a mentir. No Parlamento, as sombras non permiten ver a luz sobre o que pasou

Os acusados xudiciais non foron todos os que deberían sentar no banco da Audiencia. Pero é que, ademais da presunta comisión dun delito, a envergadura do asunto esixía unha asunción de responsabilidades políticas e o establecemento dun relato que permitira reconstruír unha confianza solvente entre as elites políticas, os executivos financeiros e a propia cidadanía. O espectáculo da paralización na que se atopa instalada a comisión de investigación do Parlamento galego por mor da decisión do PP, ilustra sobre as graves carencias democráticas que exhiben os que controlan as institucións representativas. Se a calculada fuxida protagonizada por Méndez non se compadece coa equidade que debe presidir a administración de xustiza nun sistema democrático, a inhibición da Cámara do Hórreo –impulsada polo partido que posúe a maioría absoluta dos escanos- violenta por completo o que cabe esperar da institución que simboliza a soberanía popular.

Pasados varios meses, a transparencia segue sendo unha asignatura pendente no episodio das Caixas. Nos xulgados, os encausados teñen dereito a mentir. No Parlamento, as sombras non permiten ver a luz sobre o que pasou. Teremos que agardar polos futuros traballos que elaboren as persoas que se dedican á investigación histórica como único camiño para socializar o que hoxe fica gardado nalgúns caixóns de acceso restrinxido?