Os resultados das recentes eleccións en Andalucía poden merecer distintas análises, dependendo do criterio utilizado para realizalas. As urnas deixaron constancia de varios fenómenos: diminución moi forte no apoio ao PSOE, perda significativa de votos por parte do PP, medre relevante experimentado por C's, nova demostración de que a unión electoral de Podemos e IU non suma as cifras obtidas anteriormente por separado e por último —e, porén, non o menos importante— a entrada de VOX no Parlamento cunha sorprendente ducia de escanos.

Existen, obviamente, diversos factores explicativos —de ámbito internacional (medre da dereita xenófoba na UE, nos USA e no Brasil); do contexto estatal (estratexia dominante de máxima belixerancia no tratamento do conflito catalán) e da propia realidade andaluza (hexemonía continuada do PSOE asociada a prácticas de corrupción)— cuxo respectivo peso específico deberá ser establecido a partir dos estudos demoscópicos que se rexistrarán nas vindeiras semanas.

En calquera caso, despois da cita do 2 de Decembro, estamos asistindo a un conxunto de afirmacións que arruinan os argumentos preferidos manexados dende hai tempo polos dirixentes do PP e de C's.

Velaquí algunhas das revisións mais escandalosas.

Até agora, para esas formacións políticas, gañaba as eleccións quen obtiña o maior número de votos aínda que non tivese asegurada a maioría parlamentaria para formar goberno. Xa que logo, descualificaban como “pacto de perdedores” aqueles acordos de gobernabilidade entre grupos que xuntaban os seus escanos para tal obxectivo. Demonizaban esas prácticas como suposta transgresión da vontade maioritaria do corpo electoral porque elaboraban unha equivalencia falaz. Nesta ocasión, o discurso varía substancialmente: a pesar de que o PSOE de Susana Díaz foi o mais votado xa non din que “gañou” e defenden a necesidade dun pacto entre PP, C's e Vox para acadar a presidencia de Andalucía.

Estamos asistindo a un conxunto de afirmacións que arruinan os argumentos preferidos manexados dende hai tempo polos dirixentes do PP e de C's.

 

Pedro Sánchez foi crucificado no circo mediático por aceitar os votos dos grupos independentistas de Catalunya e de Bildu (a pesar de que non foron consecuencia dun acordo explícito e público) na moción de censura que derrubou Mariano Rajoy. Casado e Rivera manteñen, agora, que resulta plenamente democrático recibir o apoio parlamentario de Vox. O que daquela era unha proba da chegada ilexítima de Sánchez á Moncloa é, hoxe, un acto normal en calquera sistema democrático.

Para completar a deliberada perversión da linguaxe, Pablo Casado e Albert Rivera postulan o necesario acoplamento do “centro dereita” para hexemonizar a vida política de Andalucía. Denominar con esa etiqueta a Vox, ademais de representar un insulto á intelixencia da opinión pública, forma parte dunha obscena operación de branqueo e banalización das propostas que formulan estes admiradores de Marine Le Pen e de Salvini.

Qué fará Núñez Feijoo cando se abran as urnas nos vindeiros comicios municipais de Maio? Seguirá coa leria de que debe gobernar a lista mais votada ou asumirá a reconversión argumental que vén de patentar o seu xefe Casado?