Os resultados rexistrados nas eleccións do pasado 25 de Maio permitiron constatar a conformación dun novo electorado disposto a outorgar un voto de confianza a quen lle ofreza dúas características relevantes:vontade de unir aos discrepantes co actual estado de cousas e formatos organizativos diferentes aos que até agora integraban o mapa político.

Os resultados rexistrados nas eleccións do pasado 25 de Maio permitiron constatar a conformación dun novo electorado disposto a outorgar un voto de confianza a quen lle ofreza dúas características relevantes:vontade de unir aos discrepantes co actual estado de cousas e formatos organizativos diferentes aos que até agora integraban o mapa político. Noutras palabras:semella que un número importante de persoas queren protestar nas urnas contra o modelo económico e político vixente e desexan facelo premiando ás opcións menos vinculadas ás siglas preexistentes e mais proclives a fórmulas de encontro entre sectores procedentes de anteriores afinidades políticas (ou directamente abstencionistas).Os comicios ao Parlamento galego de outubro de 2012 rexistraron, tamén, indicios reveladores das tendencias que son obxecto de análise nas últimas semanas.

"Semella que un número importante de persoas queren protestar nas urnas contra o modelo económico e político vixente e desexan facelo premiando ás opcións menos vinculadas ás siglas preexistentes"

O conxunto do nacionalismo galego vive este proceso de cambios instalado na situación derivada da división oficializada a partir da Asemblea de Amio.Nestes dous anos e medio transcorridos non se confirmaron as principais expectativas sinaladas por uns e outros naquel momento.O BNG padeceu unha notábel perda de credibilidade que o desprazou do terceiro posto que ocupaba no “ranking” das preferencias dos votantes.CxG non foi quen de construír un espazo de influencia social que asegure a viabilidade da súa existencia.ANOVA conseguiu, certamente, un éxito inesperado grazas á materialización da fórmula AGE pero está pagando unha peaxe interna que non se compadece co proclamado consenso a respeito do proxecto renovador postulado no verán do 2012.Mais alá das anécdotas ou peripecias concretas vividas nestes meses, resulta pertinente establecer, como mínimo, dúas conclusións relevantes:1) a división non aportou a clarificación construtiva que alegaban os defensores da comenencia –e inevitabilidade-  da mesma; 2) as novas alternativas creadas non posuíron o nivel de homoxeneidade interna requirido para erguer un proxecto sólido, medianamente resistente aos impactos derivados dun tempo especialmente cambiante.

Debemos asumir como un dato inmodificábel o actual arquipélago no que cristalizou o nacionalismo galego con presenza institucional: ANOVA (con varios subgrupos internos:Cerna,FPG…), BNG (con UPG,MGS,Abrente) e CxG? Hai algunha posibilidade de transformación? Existe unha vontade medianamente consistente para reconstruír  a unidade perdida?

"Debemos asumir como un dato inmodificábel o actual arquipélago no que cristalizou o nacionalismo galego con presenza instituciona? Existe unha vontade medianamente consistente para reconstruír  a unidade perdida?"

Para que a refundación do nacionalismo pase das invocacións retóricas ao plano dos propósitos prácticos deberán asumirse tres condicións básicas:a delimitación dun mínimo común programático, a disolución das organizacións existentes e a configuración de equipas dirixentes totalmente renovadas. Para acadar a primeira condición hai unha abondosa literatura elaborada durante os últimos vinte anos que pode ser actualizada sen dificultades tomando como referencia determinante a evolución constatada no corpo social galego. Para que o demais –eliminación de siglas e promoción de persoas pouco contaminadas polas liortas do pasado- sexa realizábel é preciso practicar a xenerosidade que estivo presente nas mellores tradicións do movemento galeguista do século XX. 

Tense afirmado, en moitas ocasións, que un sinal distintivo da boa acción política –na acepción mais limpa e transgresora deste termo- é a capacidade para converter o desexábel en posíbel. Velaquí o reto que ten o conxunto do nacionalismo galego na encrucillada histórica na que nos atopamos.