“É o mercado, amigo”: con esta expresión lapidaria pronunciada nunha comisión do Congreso, Rodrigo Rato pretendeu buscar coartadas exculpatorias da súa andaina como diretivo de Bankia. Lembrei esta frase cando se coñeceu, hai poucos días, a adquisición do 55% da empresa que ten adxudicada a concesión da AP-9 (e doutras autoestradas existentes no territorio galego) por parte de tres fondos de pensións residenciados en Canadá, Holanda e Reino Unido. Velaí unha transacción habitual no sistema económico vixente:unha empresa decide vender e outra acorda mercar.Os xestores dos fondos de pensións son especialistas en detectar beneficios potenciais e por iso apostaron por un negocio concesional que caduca no 2048 e proporciona importantes rendabilidades anuais.

Esta operación serviu para colocar na axenda mediática a historia ben coñecida da autoestrada que percorre a Galiza atlántica.Coa experiencia proporcionada polas décadas transcorridas dende o seu nacemento pódese certificar a subordinación practicada polo poder político a respecto dos sucesivos intereses privados que concorreron nesta infraestrutura viaria.A privatización da anterior empresa pública -realizada polo mesmo Aznar que agora patrocina ao novo “enfant terrible” do PP- e as decisivas vantaxes concedidas ás empresas concesionarias polos gobernos do bipartidismo tantos anos hexemónico consagrou a vixencia da vella máxima instalada no corazón da administración pública española:privatizar as gañancias e socializar as perdas.

Podemos imaxinar a lóxica que presidiu a decisión compradora dos xa citados fondos de pensións.Mais non temos unha explicación pública do comportamento seguido polas entidades vendedoras e, singularmente, das razóns que manexou Abanca para liquidar o 23,8% do accionariado que posuía.Sexa cal for a motivación, a desaparición desta empresa financeira do capital de Itínere merece unha reflexión sobre o nivel de reponsabilidade social que asumen os propietarios dunha entidade que foi adquirida ao FROB por 1.003 millóns de euros despois de seren utilizados mais de 9.000 millóns de recursos públicos no saneamento das vellas Caixas galegas.O abandono de Abanca do grupo propietario da concesionaria remata co único fío de conexión co tecido empresarial que ten os seus centros decisionais no territorio galego.

O vicepresidente Rueda afirma que agora é moito mais importante efectivizar a transferencia da AP-9 para controlar a estes fondos de pensións recén chegados.Tarde piou:se non consta que o partido de Feijoo fora quen de concertar algunha estratexia con Abanca para modificar a política da concesionaria, non é realista pensar na súa capacidade para negociar cuns propietarios totalmente desvinculados do tecido económico e social do País.Mais preguntas para o novo socio galego de Pablo Casado:coñecía as intencións vendedoras de Abanca? Se a resposta é afirmativa, considera que esta operación é boa para os intereses da maioría da sociedade galega?

A vella historia da autoestrada semella continuar.