Transcendeu un novo episodio da serie “negra” escrita polo ex-comisario Villarejo. Nesta ocasión, os protagonistas infectados pola toxicidade do vertedoiro están situados no mundo da gran banca e no territorio da política. Máis concretamente, os nomes máis rechamantes que apareceron corresponden ao que foi, até hai pouco tempo, máximo executivo do BBVA, Francisco González, e a dous antigos responsábeis gobernamentais da equipa de Zapatero (Mª Teresa  Fernández de la Vega e Miguel Sebastián).

A secuencia é coñecida: alguén —F. González—contratou —por un bo puñado de euros— o comisario para que nas súas horas libres utilizase os recursos públicos aos que tiña acceso para espiar as persoas que lle permitisen elaborar os informes demandados. Todo perfectamente irregular e presuntamente delitivo. Para o banqueiro González, o fin —neutralizar un suposto plan de control por parte da empresa Sacyr— xustificaba os medios —recorrer ás “cloacas” do Estado nas que se desenvolvía con proverbial soltura Villarejo.

Ademais de constatar, máis unha vez, a existencia dun grupo de funcionarios da seguridade do Estado que actuaban á marxe dos procedementos e que non sufrían as consecuencias penalizadoras por tal comportamento, estas revelacións poñen no escaparate da opinión pública as relacións promiscuas entre membros do poder político e xerarcas do lobby bancario. Que se o goberno de Zapatero quería marxinar a Francisco González —ao que Aznar tiña promovido, previamente, ao cimo do BBVA-, que se a vicepresidenta Fernández de la Vega pretendía protexer ao todopoderoso Emilio Botín nos seus pleitos xudiciais... A conclusión está servida: quen siga afirmando que o intervencionismo dos gobernantes na vida económica non é propio do sistema económico realmente existente, senón que constitúe un vestixio da rancia cultura comunista, é un vendedor de mentiras ou un iluso que cre nas retóricas dos ideólogos desa autocalificada dereita sen complexos.

O fin —neutralizar un suposto plan de control por parte da empresa Sacyr— xustificaba os medios —recorrer ás “cloacas” do Estado nas que se desenvolvía con proverbial soltura Villarejo

 

O que estamos a coñecer sobre a faciana agachada das décadas nas que o PSOE e o PP hexemonizaron as administracións públicas suscita serias dúbidas a respecto da calidade do sistema democrático español. O edificio constitucional está sometido a unha evidente fatiga dos materiais cos que foi construído e xestionado. Será capaz de  metabolizar os impactos derivados dos produtos que se foron fabricando na factoría mafiosa xestionada por Villarejo?



x