Constitúe un lugar común afirmar que unha determinada campaña electoral comeza a mesma noite na que remata a precedente. Seguindo esa lóxica xa estariamos involucrados nos preparativos da consulta para elixir os futuros representantes no Parlamento galego.

Neste sentido, os comicios do pasado 26 de Maio conteñen dados suficientes para tirar algunhas conclusións a respecto do futuro político de Núñez Feijóo.

Os resultados acadados polo PP no conxunto do Estado foron moi mediocres pero non deixaron totalmente queimado a Pablo Casado. Se consegue manter a presidencia da Comunidade de Madrid e dirixir o concello da capital do Estado, poderá neutralizar as propostas de substitución que terían xurdido de non obter esa marxe de poder territorial. Xa que logo, Feijóo non ten a saída que se manexaba en distintas análises durante os últimos meses: a hipótese de optar á presidencia dun PP sen Casado fica aprazada “sine die”.

Alberto Núñez só ten dúas opcións: ou recuncar como candidato o ano que ven ou abandonar a vida política. A presión dos cadros dirixentes do partido para que continúe xa son ben visíbeis

Por outra banda, as cifras do PPdG nesta última cita electoral son moi preocupantes para o actual presidente da Xunta. Despois de asumir en primeira persoa a realización dunha intensa campaña nos núcleos mais urbanos do País, o balance é demoledor: o seu partido non foi quen de asegurar a posibilidade de gobernar en ningunha das sete cidades e perdeu a única maioría absoluta que conservaba na deputación de Ourense.

Nestas circunstancias, Alberto Núñez só ten dúas opcións: ou recuncar como candidato o ano que ven ou abandonar a vida política. A presión dos cadros dirixentes do partido para que continúe xa son ben visíbeis. E unha eventual retirada requiriría un certo tempo para organizar unha transición que, hoxe por hoxe, semella chea de incertidumes e temores. É ben coñecida aquela máxima de que en “tempos de treboada, mellor non facer mudanzas”: velaquí o desexo que moitos persoeiros vinculados aos poderes realmente existentes lle poden trasladar nas vindeiras semanas ao político dos Peares. O conservadorismo no sentido mais literal do termo: mais vale o problemático coñecido que unha insegura bondade por descubrir.

Tal e como sucedeu no 2012 e no 2016, o éxito ou fracaso dunha eventual candidatura de Feijóo vai depender, nunha medida relevante, do comportamento das forzas políticas que integran agora a oposición no pazo do Hórreo. Existe un segmento do electorado que vai esixir probas prácticas de cooperación entre esas organizacións para outorgar crédito nas urnas a un goberno alternativo. O espello dos concellos vai ter importancia: se dominan os episodios de tensión e confrontación entre aquelas formacións que están chamadas a construír unha nova maioría nas institucións de autogoberno non existirán incentivos para reverter nas urnas a longa hexemonía do PP.

E no ámbito dos grupos que se moven á marxe do PSdG, debería existir unha reflexión adicional sobre o nivel de cooperación que require o común obxectivo de facer realidade a derrota de Feijóo. Existen fórmulas políticas e xurídicas para facer compatíbeis as identidades singulares de cada quen coa desexábel rendibilidade dos votos emitidos (lembrese o límite provincial do 5% fixado no seu momento por Manuel Fraga).Se hai vontade, hai tempo.