Desculpen que interrompa en período eleitoral mas cómpre falar tamén das cousas importantes. Fágoo para achegar unha reflexión que me ronda dende hai algún tempo e que hoxe sinto urxente para o noso futuro colectivo: é tempo de mudalo todo, e tócanos a nós facelo. 

Preguntábame unha xornalista sobre Noa Presas en relación ao seu “salto” á carreira institucional hai apenas uns días no que era o seu intento de facer un perfil máis persoal dunha moza de 28 anos que, con todo en contra, aposta por reivindicarse obreira, precaria, soberanista e de esquerdas...  e respostei o que achei máis importante sinalar: ela -e por suposto toda a súa xeración- está chamada a transformar o soberanismo galego e construír a nova ferramente imprescindíbel para camiñarmos cara ao Estado Galego co que soñamos. 

En realidade estamos chamadas un par de xeracións que hoxe podemos dicer sen medo a trabucarnos que temos feito unha longa viaxe nas nosas militancias sociais e políticas e constatado a necesidade de mudalo praticamente todo no panorama do soberanismo galego. Temos diferentes procedencias e culturas políticas, aprendemos en diferentes trincheiras o difícil que é facer escoitar a nosa voz, facer comprender a nosa forma de ver e estar no mundo e por tanto as nosas formas de traballar e construír o soberanismo. Mas temos moitas máis cousas en común das que as máis das veces somos quen de identificar e unha delas é que o futuro está nas nosas mans e debemos colocalo xa tamén nas nosas axendas políticas. 

Temos moitas máis cousas en común das que as máis das veces somos quen de identificar e unha delas é que o futuro está nas nosas mans

Non é apenas unha coicindencia xeracional, é tamén unha visión diferente do camiño que queremos percorrer e das ferramentas que queremos empregar nese camiño. Somos desacomplexadamente independentistas, militamos con firmeza no anticapitalismo e teñamos o referente eleitoral que teñamos somos quen de crear redes e espazos nos que traballar xuntas cun obxetivo moito máis importe: (re)construírmos o país que queremos habitar e o mundo co que soñamos. 

Hai un par de xeracións de mozas e mozos que nos negamos a discutir polas pelexas que outros arrastran dende hai décadas, que non adherimos acríticamente a ningunha trincheira máis que a aquela dende a que construír outra lóxica para as nosas vidas e para a acción social e política. Diversas, combativas, alegres, creativas, desacomplexadas, alleas ás eternas mochilas de xeracións maiores e capaces de partillar e pensar espazos novos. 

Nin máis nen menos soberanistas que ninguén, mas diferentes, porque o soberanismo é a ferramenta que empregamos para construír unha realidade mellor, para ser máis felices e tamén máis libres e facelo na realidade das vidas de hoxe, que pouco ten a ver coas de hai décadas e que en nada se parecerá ás de dentro de trinta anos. 

Temos que ser capaces de construír colectivamente unha ferramenta nova, que ten que ser necesariamente nova porque a realidade muda e as ferramentas sirven para analizala e operar nela, e temos que facelo dende unha nova cultura política. Temos que ser capaces de operar entre o maximalismo e a rendición das posicións, de afrontar as contradicións do hoxe certas do horizonte estratéxico ao que camiñamos e temos que facelo sen tirarllas á cara a ninguén, sen menosprezar o contributo de ninguén nese espazo de encontro que é o soberanismo. Non é fácil operar no capitalismo e nun país colonizado sen aprender que o camiño ten dificuldades mas que non hai atallos polos que transitar cómodas e que se imos cara o mesmo sitio temos que ser quen de acompañarnos gran parte do camiño. 

Temos que ser capaces de construír colectivamente unha ferramenta nova, que ten que ser necesariamente nova porque a realidade muda e as ferramentas sirven para analizala e operar nela

A cultura política que este país merece é a que fuxe de sectarismos, a que se coloca por riba dos referentes eleitorais e constrúe pola base espazos de entendemento e traballo na que o centro son as vidas e a construción dun país no que esas vidas paguen a pena ser vividas. Se somos quen de construíla contribuiremos de forma decidida a dar o salto que o soberanismo necesita dar para afrontar os -duros- tempos que veñen. 

Aprendemos todo das xeracións que nos precederon e cómpre darlle a ese aprendizaxe o inmenso valor que ten, mas tamén temos a responsabilidade de mudar todo aquelo que arrastra e do que, non pasa nada por dicelo, non gostamos. Non podemos arrastrar máis dinámicas que nos son alleas e das que apenas temos responsabilidade e temos ademáis que rachar con todas aquelas dinámicas que adoptamos para operar na cultura política en que aprendemos. 

A cultura política que este país merece é a que fuxe de sectarismos, a que se coloca por riba dos referentes eleitorais

Tócanos a nós se queremos que o noso legado mellore con moito ao noso presente. 

Mudémolo todo xuntas, eu négome a crer que non somos capaces de facelo. 



x