Activistas feministas de todo o país levamos meses traballando nas convocatorias deste 8 de marzo e na do pasado 3 de marzo en Lugo. Ambas cun éxito de convocatoria que consolida a esperanza de podermos reforzar a organización de base e construír un movemento forte para facer fronte á desigualdade e a pobreza que sufrimos as mulleres e á imprescindíbel construción dunha Galiza libre e mellor para [email protected]

O venres foi un día de subidón en Ourense, somos unha cidade sumida nunha crise de corenta anos gobernadas pola dereita que ten a nosa vida en desmantelamento. Un deserto, que dicimos nos días nos que o peso da derrota sobrevoa a precariedade na que moitas vivimos. Mais o venres foi un día de ledicia, ledicia porque a rúa encheuse de loita, de convocatorias, de protestas, de formas de denunciar o patriarcado e a súa alianza criminal co capital e de moitas e diferentes visións do mundo que queremos mudar.

A vida en Ourense para as feministas imaxinaredes que non é fácil

 

Encher dúas veces a Praza Maior da cidade máis empobrecida e avellentada do país de mozas e mulleres reivindicando os seus dereitos é unha experiencia colectiva que reforza a dureza de 365 días de loita na única cidade do país gobernada polo Partido Popular na única provincia galega na que só gobernou o PP en corenta anos. A vida en Ourense para as feministas imaxinaredes que non é fácil.

Aínda o foi menos nos últimos catro anos onde o PP se dedicou ao desmantelamento do que conseguíramos na década anterior as mulleres desta cidade, un Centro de Información ás Mulleres, programas de coeduación, de igualdade, de prevención, de atención ás vítimas, programacións no 8M e 25N en colaboración co movemento feminista, serios, con contido, de divulgación, publicacións rigorosas sobre xénero e moitos outros avances que vimos perdendo día a día mentres o Partido Popular propón que a Concellaría de Igualdade pase a depender de sanidade, como exemplo último do pouco ou nulo interese que hai nesta materia hoxe no goberno da terceira cidade do país.

Opostos sistematicamente ás propostas en relación coa igualdade de colectivos feministas e oposición, o Partido Popular de Ourense quixo empregar a proposta dun grupo musical para organizar un concerto o 8 de Marzo, día da folga laboral, de consumo, estudantil e de coidados.

E como as feministas de Ourense non somos das que calan, decidimos facerlle saber ao Concello que non estamos para concertos

 

E como as feministas de Ourense non somos das que calan, decidimos facerlle saber ao Concello que non estamos para concertos, nen para lazos morados no día en que ocupamos a rúa para loitar contra as nosas opresións. Fixémolo cunha faixa, cun megáfono e cun cento voces e corpos que puxeron ritmo á necesidade de revelarnos contra o que esta mal e contra todo o que representan os da dereita, da que se di civilizada e da extrema.

E iso foi o que fixemos o venres na Praza do Correxidor de Ourense, parar un concerto, despois de pasar o día parando e pechando industrias, servizos, bares, tendas, comercios e administracións. Parar e dicirlle ao patrón que non nos compra con música, como non nos compra con empregos precarios, salarios de miseria, comunicados, discursos ou lazos lilás.

E o sábado, 9 de marzo, día no que debera estar coas miñas compañeiras desfrutando do éxito das mobilizacións atopo o meu nome sinalado no comunicado dun dos grupos contratado para tocar nese concerto, no que Olga Brañas, á que non coñezo, nos acusa a min e ás miñas compañeiras de atacar o movemento cultural e a elas ao querer parar ese concerto. A nós, que levamos construíndo o movemento cultural de base da nosa cidade contra vento, maré, dereita e esquerda, dende que vivimos nela. A mulleres que organizamos concertos, que reclamamos grupos de mulleres nos concertos que outras organizan, a mulleres que facemos parte da base cultural dunha cidade que esmorece e na que a cultura tamén é roubada cada día polos que o venres pagaban o concerto e o engadín no seu programa do 8M como un mérito máis a pendurar da solapa.

Atopámonos con acusacións de todo tipo, con reclamacións por parte de quen o venres, 8M, día de folga laboral e de consumo, tocaba na praza dunha cidade gobernada polos que pactan con VOX

 

E atopámonos con acusacións de todo tipo, con reclamacións por parte de quen o venres, 8M, día de folga laboral e de consumo, tocaba na praza dunha cidade gobernada polos que pactan con VOX, nun acto pagado polos que nos din ás mulleres como é cando temos que ser nais e polos que nos negan recursos para a igualdade, ou o que é o mesmo, para que non nos maten.

Como explicamos o venres ás compoñentes dos grupos musicais (si, a través dun megáfono) a protesta non ía dirixida a elas, e non son elas o albo das nosas críticas. Lamentamos que elas se posicionen do lado do Concello gobernado polo PP e que non só non digan a verdade sobre o sucedido senón que empreguen para facelo cualificativos pouco ou nada respeitosos. Explicamos, cun megáfono si, mas tamén cunha pancarta que deixamos colgada na varanda da praza, que as políticas do PP en materia de igualdade en Ourense consistiron nestes catro anos nun proceso de desmantelamento progresivo.

As mulleres que facíamos parte da protesta, decidida nas asembleas feministas de organización do 8M, abandonamos a Praza do Correxidor antes de que se recollesen os instrumentos

 

As mulleres que facíamos parte da protesta, decidida nas asembleas feministas de organización do 8M, abandonamos a Praza do Correxidor antes de que se recollesen os instrumentos, aproximadamente ás 23.25h, e responsabilízasenos dunha agresión de dúas compañeiras, algo inadmisíbel e profundamente decepcionante vindo de mulleres que se consideran parte da loita feminista. Agresión que denunciamos e rexeitamos con profunda raiba e dor, pois é contra o que loitamos todos e cada un dos días da nosa vida, nesas concentracións nas que seguimos estando 40.

Este 8 de Marzo o feminismo galego convocou folga laboral, folga de coidados, de consumo e estudantil. Durante todo o día en todo o país os piquetes de mulleres pecharon tendas, comercios, industrias, servizos… dirixindo as súas críticas aos patróns, exactamente o mesmo que fixemos nós co concerto do Concello de Ourense. E igual que as compas do téxtil ou dos servizos se viron afectadas polos piquetes, as compañeiras da cultura viron afectada a súa actividade habitual. Aínda non alcanzo a comprender como converteron iso nun ataque persoal e dende onde nace unha crítica tan desmedida ás compañeiras que nesa praza berramos “menos concertos, máis casas de acollida”. E con nós, nesa praza, mulleres vítimas de violencia con historias de vida desesperadas e desamparadas polo Concello e o goberno da cidade.

Porque sei que estou do lado correcto asumo que há que pagar véndote sinalada nos xornais, os xornais do PP e de Baltar, e que o compromiso inquebrantábel ten estes momentos que non deixan desfrutar de días como este 8 de marzo.

Asúmome parte do feminismo que molesta, dese que non cala cando convén non armar ruído porque sabe que só rachando coa normalidade na que estamos instaladas conseguiremos transformar o mundo.

Asúmome parte dun feminismo que seguirá parando concertos organizados pola dereita que nos agrede e facendo piquetes nos días de folga porque ten un compromiso máis importante que quedar ben con todo o mundo: mudalo todo.



x