Só hai unha verdade absoluta: que a verdade é relativa

André Maurois

Din as estatísticas que 1 de cada 4 [email protected] esta en risco de exclusión social e pobreza e afonda a Rede Galega contra a Pobreza que en Galiza son 702.000 as persoas que están en risco de pobreza e exclusión social, un 25,7% da poboación total. Desa poboación, unhas 132.000 persoas están en pobreza extrema e sobreviven con ingresos inferiores a 332 € mensuais. (Datos extraídos do informe "O Estado da Pobreza"). Súmase a isto a situación das pensionistas, onde o 62,9 % dos ingresos que reciben as xubiladas de Galiza están por debaixo do umbral da pobreza, unha situación que afecta 473.985 personas, con especial incidencia negativa nas persoas viúvas, para ter un diagnóstico aproximado sobre o que falamos cando falamos de pobreza.

Mas a reflexión que ven á cabeza estes días é en torno á facilidade coa que se nomea hoxe en institucións e medios de comunicación a pobreza enerxética mentres a exclusión social e a pobreza seguen a vivir na clandestinidade e no anonimato nun país que, como din as estatísticas, ten ao 25% da súa poboación baixo a tiranía destas.

O conceito de pobreza enerxética parece que naceu no Reino Unido a principios da década dos 90 froito das reflexións de Brenda Boardman, profesora en Oxford e ambientalista, en relación á dificuldade dos fogares para obter servizos enerxéticos polo 10% da renda disponíbel.  Máis tarde incorporouse a calidade da vivenda, a renda familiar e a subida continua no prezo da enerxía como factores determinantes deste conceito que intenta explicar como os recursos que percibimos non nos chegan para acceder a uns mínimos de calidade nas nosas vidas en relación ao consumo de enerxía.

En Galiza poderíamos explicar como sendo produtoras e excedentarias de enerxía a centralización e o noso estatus de colonia impiden que ningún beneficio en relación a producir esa enerxía – e por tanto pagar os custes ambientais desa produción – repercutan en nós como país ou usuarias. Ou falarmos da necesidade dunha tarifa eléctrica galega que reduza as peaxes ás consumidoras galegas, reducindo a factura a familias e empresas evitando así que moitas delas non sexan capaz de facer fronte á cada vez máis elevada factura da luz.

A reflexión ten a ver con como nomeamos o que esta a pasar, por que lle chamamos pobreza enerxética ao que non é outra cousa que pobreza...

Mas a reflexión ten a ver con como nomeamos o que esta a pasar, por que lle chamamos pobreza enerxética ao que non é outra cousa que pobreza... ou escoller entre pagar a luz e comer non é acaso pobreza? Non é a pobreza a escaseza ou ausencia do necesario para vivir? e non é acaso a enerxía nestes momentos necesaria para termos unha vida digna nos estandares sociais que coñecemos? 

Por que é que o sistema admite a pobreza con apelidos mentres mantén na clandestinidade o conceito de pobreza? Por que admitimos dende a esquerda transformadora pór apelidos á pobreza se iso só parece servir para colocar parches -temporais ademáis- a unha pequena parte do problema obviando o fondo do conflito social? 

Na Galiza non temos moi avanzado o debate sobre o “bon vivir” que hoxe as nosas irmás latinoamericanas debaten e constrúen para definirmos cal é esa vida digna que decimos querer vivir e en que se sustenta de xeito material. Non somos Ecuador onde xa existe un Plan Nacional do Bon Vivir mas atrévome a aventurar que de darmos este debate aquí a garantía de non pasarmos frío no inverno -coidando tamén o planeta e os seus recursos- ou non termos que escoller entre comer e banhar ás crianzas en auga quente é parte desa vida digna á que aspiramos coletivamente e a escaseza ou falta desa capacidade chámase pobreza. 

Persoalmente sinto unha profunda incomodidade colocándolle apelidos á pobreza porque, como tantas outras cousas, parece a peaxe que o sistema cobra para asumir certos debates garantindo que éstes nunca saian dos marcos aceitábeis. Asumimos que temos que ir pagando esas peaxes para que o capitalismo asuma partes do discurso... cando a sensación é que tratarmos só unha parte dos problemas só contribúe a non sermos capaz de amosar o problema estructural do sistema. E se nós perdemos é porque eles gañan.

A pobreza non precisa apelidos para ser nomeada e combatida, non precisamos explicitar que falamos de falta de acceso aos recursos enerxéticos para reclamar máis salarios e menos tarifas eléctricas -sobre todo cando somos produtoras-, para construír un discurso en torno ao noso dereito ao bon vivir, a non pasar frío, a non termos que escoller entre comer e quentar unha vivenda que tamén é un dereito.

A pobreza non precisa apelidos para ser nomeada e combatida, non precisamos explicitar que falamos de falta de acceso aos recursos enerxéticos para reclamar máis salarios e menos tarifas eléctricas -sobre todo cando somos produtoras

Non por acaso o sistema deixou de nomear aos países pobres -empobrecidos- para os colocar como países en vías de desenvolvemento -capitalista, obviamente- ou os pobres pasaron a ser persoas con “dificuldades económicas” e a exclusión social e a pobreza, que teñen a ver co sistema económico, coa falta de garantías de acceso aos bens básicos, como un problema de “pobreza enerxética”, como se quen non ten capacidade económica para acceder á electricidade puidera acceder a calquera outro ben material básico para a súa vida. 

Se a pobreza ten algunha virtude é a forza simbólica da súa propia definición material, o golpe que asesta ao sistema nomearnos pobres e nomear a pobreza nun capitalismo que se farta de reclamarse xerador e distribuidor de riqueza -entre unhas poucas claro-. 

A pobreza enerxética é pobreza, así, sen apelidos, descarnada, inxusta e sistémica. Que non se nos esqueza neste exercicio de adaptarnos ao que o sistema deixa ou non nomear  que o facemos por cuestións tácticas ou para gañar pequenos avances en debates públicos... se é que ten algún sentido facelo.

Non vaia ser que no xogo político institucional acabemos crendo as nosas propias invencións.



x