O deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello (En Marea) vén de lle preguntar ao Goberno do Estado cando pensa anular o xuízo no que un tribunal “de facto” condenou Alexandre Bóveda no 1936. Esta esixencia, amplamente abeirada na opinión pública galega, vén de se expresar tamén pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, este venres 17, aniversario do asasinato do devandito patriota galego.

A Lei estatal da Memoria Histórica do 2007 (LMH) declarou a ilexitimidade das condenas penais decididas polos ilegais tribunais de excepción, quer militares, quer o TOP ou os Tribunais de Responsabilidades Políticas. Mais non anulou estas condenas. As Salas do Militar e do Penal do Tribunal Supremo rexeitaron sempre todas as solicitudes de anulación destas condenas do franquismo. Porque seica (eu dubídoo, mais isto é outra lea) cómpre unha Lei que declare esta nulidade. O máis axeitado, neste senso, sería introducir unha disposición “ad hoc” na Lei de Axuizamento Criminal.

A nulidade das condenas do franquismo é unha cuestión de dignidade democrática e de reparación moral. Mais tamèn de reparación económica. E velaí o problema no seu día de Zapatero e hoxendía de Sánchez. Anular a sentenza de Alexandre Bóveda ou de calquera outro represaliado suporía reparar cadansúas familias nos gravosísimos efectos patrimoniais das responsabilidades civís e multas impostas, cando non devolver propiedades adquiridas de mala fe nos procedementos de execución xudiciais e administrativos por persoas e empresas achegadas ao réxime de facto franquista.

A nulidade das condenas do franquismo é unha cuestión de dignidade democrática e de reparación moral

 

Mais unha democracia real e madura terá de enfrontar a nulidade destes xuízos, como fixo Alemaña,  en dúas ocasións a falta dunha. Fíxoo despois do 1945 coas condenas dos tribunais nazis e despois do 1990 coas condenas dos tribunais da RDA. Indemnizando económicamente ás vítimas destes pseudo-tribunais.

Adoita afirmar a xornalista Cristina Fallarás que o Estado español é o Estado europeo no que menos se reparou ás vítimas da violencia institucional. Pois mentres os alemáns damnificados polo nazismo (ou pola Stasi da RDA), e os italianos agredidos polo fascismo foron reparados, aquí seguemos na teoría de pasarmos a páxina.

E cómpre, si, pasarmos de vez esa páxina, esa folla. Mais antes cómpre lérmola ben a xeito.