Non é casualidade que o noso País estea atrás de todo no ranking dos territorios europeos máis abertos á Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i). Ocupamos o 190 lugar, moi lonxe de Norte de Portugal e mesmo das demáis rexións portuguesas que están a vivir un proceso de potente aceleración tecnolóxica. Malia que eles contan con alguna desavantaxe fronte a nós (menos titulados superiores) están no mapa tecnolóxico europeo. Nós non.

A causa principal do noso atraso tecnolóxico é o desleixo ds nosos gobernantes. Investimos só o 0,89% do PIB en I+D+i, os décimos entre as 17 CC.AA. do Estado. Mais non sempre foi así. No 2008, canda o goberno de coalición BNG-PSOE, con Fernando Blanco de conselleiro, Salustiano Mato de director xeral e Xavier Alcalá de director da Oficina de Programas Internacionais de I+D investíamos case 600 M€ fronte as 503 M€ actuais, o 1,04% do PIB daquela. Mantiñamos 10.100 investigadores fronte aos pouco máis de 9.300 actuais e fomos quen de chamar a algúns talentos emigrados. Quere dicir que unha outra política investigadora é posíbel. Velaí Portugal. Velaí Estonia e a súa aposta dixital dende 1991, cando só eran un pequeno e pobre país no Báltico.

Mais non todo é cousa de cartos. O modelo galego (como ben observa un dos principais xestores de innovación galegos, Javier Alvárez Osuna) é reducionista, potenciando proxectos de baixo impacto e pequenos orzamentos, con moi baixa capacidade tractora. É cousa cotíán que se tolee aos solicitantes mudando orzamnetos e cronogramas. Nestas circunstancias son moi malos de acadar obxectivos de alto valor engadido. Tamén incorre Galicia en duplicidades na xestión e avaliación de axudas e nun exceso de burocracia e complexidade xustificativa dos investimentos.

O caso é que o modelo a seguir¡mos non está lonxe. Porque o que cómpre construir é unha Axencia Galega de Investigación dirixida por bós xestores independentes, que se manteña á marxe das remudas políticas, cun financiamento estábel e garantido que permita atraer e reter o talento investigador. Como fan en Euskadi dende a Fundación Ikerbasque ou na Catalunya dende o ICREA catalán, que obtén o case o 57% de todos os fondos que o Consello Europeo de Investigación lle outorga a todo o Estado.

Sen I+D+i non hai desenvolvemento sostíbel nin posibilidade dun país xusto e pendente dos coidados. Sen I+D+i non hai benestar nin prosperidade posíbeis.