Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas. (*)

                              (*) Manifesto da I Asemblea Nacionalista de Lugo; 18.11.1918.

Cúmprense cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo, na que o galeguismo prenacionalista que operaba dende o Rexurdimento definiuse en diante como nacionalista por considerar Galicia como nación. 

Esta Asemblea xuntou case cen entidades culturais e concellos, sobranceando entre elas as Irmandades da fala constituídas, a máis antiga a d’A Coruña. E xuntaba tamén un galeguismo de clara raigame progresista e demócrata, herdeiro de Murguía ou Vicetto, canda sectores socialistas (Xaime Quintanilla) e un galeguismo conservador, herdeiro de Alfredo Brañas.

O Manifesto coincide co remate da guerra europea e amosa ser tributario da teoría da autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson e do impacto da rebelión nacional irlandesa (Easter Rising) de 1916. Os nacionalistas galegos acordan conquerir do “Goberno da Súa Maxestade” a autonomía integral de Galicia e mesmo presentar o seu caso perante a Liga de Nacións (daquela en constitución).

As propostas aprobadas amosan un grande coñecemento do País e una grande modernidade, polo que continúan en certa parte moi vixentes. Velaí a igualdade entre home e muller, o sistema electoral proporcional, a cooficialidade do galego, a supresión das Deputacións, a autonomía local, un autogoberno amplísimo que monopolizaría a asistencia social, a educación e todas as funcións administrativas e máis a unión confederal ibérica de Galicia, Castela, Euskadi, Catalunya e Portugal.

O Manifesto coincide co remate da guerra europea e amosa ser tributario da teoría da autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson e do impacto da rebelión nacional irlandesa

 

Dende 1918 o galeguismo adquire a maioría de idade para ver Europa e o mundo por si propio, sen a intermediación española. Deste xeito vai formar a Tripla Alianza (1923) con vascos e cataláns frustrada pola Ditadura primoriverista e converxer no Partido Galeguista (1931), motor do Estatuto aprobado no referéndum de xuño de 1936 polo voto favorábel de case o 74% do censo. 

As ideas de hoxe de grande parte da sociedade galega en canto á existencia dunha personalidade de noso, a lingua propia como valor, as avantaxes do autogoberno ou Galicia como medida de referencia conectan historicamente co xuntoiro de Lugo de 1918.

A arrincadeira.- Escocia cara ao segundo referéndum de independencia?

No referéndum de setembro de 2014 a cidadanía escocesa rexeitou a independencia cun 45,5% de votos fronte ao 54,5%. Un dos argumentos fulcrais para manter a unión foi a da pertenza europea, seica votar contra a independencia mantería Escocia na Europa. Mais no referéndum do Brexit de xuño de 2016 os escoceses votaron cun esmagador 62% a súa permanencia na UE. 

Porén, malia esta votación, Escocia tería que abandonar a Unión Europea canda o Reino Unido, mentres seica Irlanda do Norte mantería en calquera caso unha vinculación alfandegaria. A first minister escocesa, a independentista Nicola Sturgeon (SNP) denuncia arestora que só a independencia de Irlanda garante os dereitos do Ulster, que Europa só recoñece os Estados soberanos, mentres constata a existencia de millóns de escoceses enganados polas falsidades do unionismo na campaña de setembro de 2014.

O Parlamento escocés podería convocar unha consulta non vencellante, mais seica o Goberno do Scottish National Party agardará á solución definitiva desta crise para acadar un pacto cara un segundo referéndum vinculante, diante da evidencia de que medrou nestes catro anos os seareiros da independencia, sen acadar aínda, porén, unha clara maioría absoluta.



x