Seica dixo Felipe González, noutrora líder disque socialista, que ao Estado cómpre defendelo tamén nos sumidoiros. Dende logo algúns dos seus máis achegados colaboradores (desculparán que non vaia máis aló mentres non haxa probas) aprendéronlles ben a lección. Lembren o GAL.

Institucionalizouse entón un sistema corrupto baseado na Lei de Segredos Oficiais e nos fondos reservados que podían quizais ter un sentido fronte a unha ameaza exterior ou ao magmático terrorismo islamita. Para sermos máis precisos, cristalizou baixo unha formal e nunca exercida supervisión parlamentaria o sistema do primeiro ministro de facto franquista, Carrero Blanco.

Pasou a crise do GAL con penas moi curtas de cárcere para os principais delincuentes confesos, Barrionuevo e Vera. Bastantes anos despois, un Goberno alicerzado tamén noutra maioría absoluta da outra ponla do bipartidismo dinástico, o PP, xerou unha equipa policial coas súas antenas mediáticas para desprestixiar os principais líderes entón do soberanismo catalán (2014-2015) xusto canda a convocatoria da consulta cidadá que o Presidente Artur Màs convocara para o 9-N de 2014. Pretextaron en falso de delictos de corrupción (nunca acusados formalmente) ao entón President e ao alcalde de Barcelona Xavier Trías. Boa parte da derrota electoral deste a prol da alcaldesa Ada Colau en maio de 2015 explícase nesta reacción policial dos sumidoiros do Estado. Lembran aquela conversa dos entón ministro do Interior co comisionado anticorrupción do Parlament conspirando contra a sanidade e o benestar cataláns porque logo despois “la Fiscalía te lo afina”?

Pablo Iglesias descobriu como xogan os sumidoiros do Estado e seica arrepíntese agora de liquidar o potencial de transformación que tiña o movemento 15-M para consolidar un proxecto personalista, piramidal e españolista no canto de facer conectar o progresismo español coas forzas soberanistas e territoriais do Estado. O certo é que cando espiaron e desprestixiaron outros calou coma un peto.

Nunha democracia cómpre loitar xudicial e policialmente contra os seus inimigos, que son só os que queren violentamente acabar coas liberdades. Mais espiar e desprestixiar partidos legais (quer Podemos, quer os partidos soberanistas cataláns, hoxe ou mañá os galegos ou vascos) racha as regras do xogo democráticas e desprestixia o propio Estado. Porén, o que máis desacougo xera é a normalidade coa que millóns de españois ollan o feito probado de que ducias de millóns de euros destinados a tarefas de protección cidadá (policía, información e contrainformación…) sexan malbaratados no prexuizo de opcións lexítimas e democráticas para favorecer ás forzas seareiras do Deep State. Ás forzas seareiras da Coroa que cuestionan as forzas políticas espíadas.



x