22 xefes de servizo e unidade de atención primaria do SERGAS da área sanitaria de Vigo (máis do 80% dos da área, a máis poboada deste país) veñen de demitir. Segundo din, até de agora organizaron as carencias da sanidade pública, mais “non se pode organiza a miseria”, xa que “o sistema mantense só polo sobreesforzo dos profesionais”. A presión asistencial e a saturación dos recursos chegou até casos nos que un médico ten que lle dar vez a 92 doentes no mesmo día.

No verán pasado soubemos da desgraza do falecemento dun cidadán por falta de médico no PAC d’ A Estrada, mais xa a primeiros de xullo soubemos que eran varios os casos de PACs da área sanitaria de Vigo nos que faltaba o médico durante parte da franxa horaria de asistencia. Os sindicatos dicían que calquera día ía pasar unha desgraza. E pasou.

A falla de profesionais, nomeadamente de médicos de familia ou pediatras, é a causa principal desta sobrecarga asistencial. Mais desta falla de profesionais é plenamente responsàbel Núñez Feijoo, presidente da Xunta dende hai case dez anos. Porque, contra todas as opinións técnicas, decidiu no 2012 a xubilación forzosa de todos os médicos aos 65 anos. Unha decisión que non foi revogada até 2016 e que privou á sanidade pública galega de centos de profesionais no mellor da súa carreira. Unha decisión tanto máis desaquelada cando a Xunta sabía que 2.400 médicos estaban a menos de dez anos da idade de xubilación forzosa imposta no 2012.

A falla de profesionais, nomeadamente de médicos de familia ou pediatras, é a causa principal desta sobrecarga asistencial. Mais desta falla de profesionais é plenamente responsàbel Núñez Feijoo

 

O xerente da área sanitaria de Vigo di que está disposto a contratar calquera médico de familia ou pediatra que llelo pida. Mais as cousas non son así, sr. Ruibal. O que cómpre non son contratacións precarias, senón convocar de vez todas as vacantes que precisa o SERGAS nunha Oferta Pública de Emprego. A xente quere e merece estabilidade nunha función pública tan fulcral.

Hai quen pensa que esta situación non vén das resultas da incompetencia dos políticos da Xunta, senón que deriva dunha clara intencionalidade para deteriorar a sanidade pública galega a prol da privada. Os últimos acordos con POVISA irían nesa liña. 

Mais sexa por unha causa ou for pola outra estamos a perder a sanidade pública galega, a xoia da coroa dos nosos servizos públicos. Isto é o verdadeiramente importante e non as andrómenas das que adoitan falar Casado, Rivera ou Abascal.



x