O goberno de coalición BNG-PSdeG (2005-2009) tiña un proxecto de País. Moi evidente no caso do BNG de Anxo Quintana, menos no caso do PSdeG ( despois os socialistas non voltaron ter unha organización galega que falase cunha soa voz). A diferenza cos dez anos de Goberno Feijóo é evidente. Porque o das Peares optou polo dependentismo e pola austeridade, non só de recursos, senón (como advertía no 2011 o propio Anxo Quintana) de ideas. Velaí porque o noso país está moito peor ca hai dez anos, como falan os números inapelábeis.

Malia que os PIBs galegos do 2008 e 2018 sexan semellantes en termos nominais (cumpriría descontarmos no prexuizo do 2018 o 12,7% de inflación total do periodo), o número de postos de traballo (a tempo total equivalente, para evitarmos as trampas do traballo a tempo parcial) diminuiu dos 1.188.000 ao millón entre os 1T do 2009 e 2018. Unha catástrofe. A participación dos soldos na economía baixou de case o 50% ao 43%, mentres que a débeda pública medraba de menos de 4.000 M€ a case 11.200 entre os 1T dos 2009 e 2018.

Este desastre de xestión enténdese mellor á vista das brutais retalladas dos Gobernos de Núñez Feijóo: entre 2009 e 2018 os orzamentos foron rebaixados un 9,3% en termos nominais (case un 10,5% en termos reais, de 11,8 mil M€ a pouco máis de 10,7 mil M€). Se temos en conta a rixidez dos gastos salariais, seremos quen a albiscar como a ineficiente gobernanza de Núñez Feijóo colaborou co ciclo, degradando os servizos públicos sociais, sanitarios e educativos.

Ademáis, non existiu política industrial ningunha, fronte aos acertos do bipartito neste eido (plan eólico, axuda de urxencia á industria automovilística). De feito entre o 2004 e o 2009 o desemprego medrou na Galicia entre o 12,5% e o 12,8%, mais no mesmo periodo o desemprego estatal pasou do 10,53% ao 18,66%. Velaí como o goberno de coalición foi quèn de aumentar os marxinais de crecemento a respecto do Estado, como nunca souberon facer nin Fraga Iribarne nin Núñez Feijóo.

Tampouco houbo reivindicación, senón total docilidade fronte ao Goberno da maioría absoluta de Rajoy (2011-2015), que aproveitou para recortar a autonomía local e a calidade dos servizos públicos municipais e para recentralizar os contidos educativos.

Núñez Feijóo deixa unha Galicia ben máis pobre e dependente e menos xusta e libre ca a que recibiu hai agora dez anos. E haberá respostar perante a historia deste desbaldo.



x