Nestes días de seca abrollou a vella vila de Portomarín, asulagada polo encoro de Belesar. A construción dese encoro, canda o de Castrelo de Miño ou da central térmica de Meirama, ilustra a historia dos sacrificios económicos (expropiacións a baixo prezo, desarraigo e emigración da poboación residente) e ambientais que sofriu Galicia para producir enerxía. Entre hidráulica, eólica, térmica e outras fontes a nosa produción (case o 12% da estatal) dá para cobrirmos todo o noso consumo, exportando o excedente, que é case dun 40%.

Mais a (i)lóxica do centralismo unionista impón unha única tarifa para todo o Estado, impedindonos ser donos do noso excedente para ofrecer unha enerxía máis barata a nosa industria e ao emprendemento industrial exterior. Decátanse vostedes da cantidade de cartos que perdemos coa tarifa eléctrica única? Unha tarifa pensada para beneficiar o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid (que só produce o 4,5% do seu consumo) ou o ineficiente carbón asturiano e leonés. E que penaliza nomeadamente a produción industrial dos países produtores de enerxía, como Galicia.

Decátanse vostedes da cantidade de cartos que perdemos coa tarifa eléctrica única?

Para máis, os galegos pagaremos máis cara a enerxía ca os madrileños, porque dende este ano haberemos pagar entre todos os 23 M€ (uns 12 €/ano por contrato en Galicia) que recada cada ano a Xunta co canon eólico. Un auténtico expolio.

Pois así nos vai. As subvencións ao consumo eléctrico madrileño e ao carbón asturiano e leonés prexudican a nosa competitividade (lembran a espada de Damocles que pende sobre as fábricas de aluminio de Sabón-Arteixo e san Cibrao?) para reter e atraer investimentos industriais que xerarían bos soldos e un substancial incremento do PIB. E os galegos pagamos máis cara unha enerxía que custou moito en termos ambientais, paisaxísticos e de sacrificios persoais de ducias de milleiros de paisanos.

Como adoita pasar, o bipartidismo unionista PP-PSOE segue na figueira. Ou, máis ben, segue a enganar a cidadanía galega dende un discurso da dependencia e da esmola que impide que Galicia constrúa unha política industrial de éxito dende o dereito a decidir sobre o excedente da súa enerxía.